O Clúster TIC pecha os obradoiros de innovación con novas oportunidades de colaboración e proxectos de IA

luns, 1 de xuño do 2026 S. P.

O Clúster TIC Galicia vén de concluír os dous itinerarios de innovación postos en marcha en maio co apoio do IGAPE para impulsar o desenvolvemento e a implantación de solucións baseadas en intelixencia artificial (IA), tanto en sectores produtivos estratéxicos (construción, economía circular e biotecnoloxía) como no ámbito da colaboración entre empresas TIC e organismos de I+D+i.
O Clúster informou que ao longo das distintas sesións, os obradoiros “permitiron transformar o interese crecente pola IA en oportunidades concretas de innovación, favorecendo a conexión entre capacidades tecnolóxicas e necesidades reais do tecido empresarial galego, así como identificar futuros proxectos colaborativos con potencial acceso a financiamento público”.
IA aplicada a retos reais
O programa orientado á creación de solucións multisectoriais de IA para responder a necesidades específicas das empresas dos sectores da construción, a biotecnoloxía e a economía circular, en colaboración coa Fundación Galicia Constrúe, Bioga e Viratec, estruturouse en tres secuencias progresivas de sesións: na primeira presentáronse as capacidades e solucións tecnolóxicas, a segunda centrouse no traballo de contraste entre a oferta e a demanda mediante dinámicas de matching, e a terceira focalizouse na definición de preproxectos e na identificación de posibles vías de financiamento.
Durante as xornadas, as 37 empresas participantes puideron coñecer aplicacións reais de tecnoloxías como a IA xenerativa, o procesamento da linguaxe natural, a visión artificial, a automatización documental, a analítica avanzada de datos, os asistentes intelixentes ou os sistemas RAG.
O resultado foi a xeración de 25 ideas de colaboración e a identificación de 14 posibles propostas de implantación de solucións de IA, superando amplamente os obxectivos inicialmente previstos. Ademais, detectáronse seis iniciativas potenciais, orientadas á participación en programas públicos de apoio á innovación.
A valoración da actividade por parte das entidades participantes foi “especialmente positiva”, acadando un nivel de satisfacción do 100 %, o que confirma o interese do tecido empresarial por este tipo de espazos de colaboración práctica e orientada a resultados.
Dez ámbitos de oportunidade
O segundo itinerario estivo centrado na colaboración entre empresas TIC galegas e centros tecnolóxicos e de investigación (atlanTTIC, CESGA, CITIC, CiTIUS, Gradiant e ITG), co obxectivo de “identificar ámbitos comúns de desenvolvemento de novas solucións baseadas en IA”.
Nas distintas sesións participaron 41 representantes destes organismos galegos de referencia en investigación e innovación, así como 16 empresas tecnolóxicas con perfís diversos, que abranguen desde o software avanzado e as telecomunicacións ata a ciberseguridade, a simulación científica ou a dixitalización industrial.
O Clúster TIC informou que “a metodoloxía permitiu identificar e priorizar dez grandes áreas temáticas con potencial para o desenvolvemento de proxectos colaborativos; entre elas destacan a aplicación da IA e das comunicacións críticas ao ámbito aeronáutico e dos sistemas UAV, a IA asistencial para o sector sanitario, as tecnoloxías de voz en galego, a industria intelixente, a modernización da administración pública no ámbito xurídico-administrativo e para a anticipación de necesidades sociais e sociosanitarias, a mellora da empregabilidade, a xestión de emerxencias, os sistemas multimodais e multiaxente, así como a interoperabilidade dos datos administrativos e territoriais”.