O Clúster TIC volve ás aulas co programa Que non te líen, ti elixes para fomentar vocacións STEM

venres, 25 de abril do 2025 S. P.

O Clúster TIC Galicia colabora, unha edición máis, no programa Que non te líen, ti elixes, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta para fomentar vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre o alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos galegos.
A través desta iniciativa, trece mulleres referentes de empresas socias da entidade están a ofrecer charlas didácticas para convidar á reflexión e xerar debates relacionados coa fenda de xénero no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). O obxectivo, sinalou a agrupación empresarial, é “favorecer unha orientación vocacional libre de estereotipos na elección de estudos superiores, poñendo o foco nos ciclos de formación profesional onde hai menor presenza feminina”.
Dende o 7 ata o 29 de abril, o alumnado de doce centros de ensino das catro provincias galegas poderán coñecer as experiencias de: Jessica Penela, desenvolvedora NET Core & React en Aldaba, Rosa Vázquez, co-fundador de Codee, Aida Pena, xefa de equipo en Bahía Software, Lucía Martínez e Raquel Fuentes, desenvolvedora e responsable de proxectos en Cinfo, María Xosé Saborido, coordinadora de Soporte Técnico de Dinahosting, Lluvia Montero, técnica de Recursos Humanos en Femxa, Alba Meijide, responsable de proxectos AI en Ilux Visual Techonologies, Cristina Nogueira, xeneralista de Recursos Humanos en Inforhouse, Yudani Riobó, responsable de Innovación en Quobis, Natalia García, experta en pre-venda e implementación en R, Olalla, Rodríguez, da área de Desenvolvemento de Negocio de Sixtema, e Tamara Cutrín, responsable de Persoas e Cultura en Teimas.
Esta é a cuarta convocatoria na que participa o Clúster TIC Galicia, poñendo en valor o papel destas mulleres de éxito profesional como fonte de inspiración para estimular o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas, contrastar as condicións laborais en diferentes ámbitos e sectores profesionais ou poñer en común datos sobre a representación feminina nos ciclos de FP e profesións masculinizadas.