O Clúster Turismo de Galicia redobra esforzos para impulsar a dixitalización das firmas do sector

martes, 5 de decembro do 2017 Redacción

O Clúster Turismo de Galicia está a facer un esforzo especial para incrementar a presenza das novas tecnoloxías entre as súas empresas integrantes, con vistas a que estas poidan, a curto e medio prazo, tirar o máximo proveito das principais vantaxes que aquelas poñen en xogo (meirande presenza no mundo, ampliación de mercado, mellora de servizos e de xestión, optimización de actividade grazas á comunicación xerada cos clientes reais e potenciais, máis eficiencia e competitividade etc). Este importante traballo materialízase a través de varias frontes. Por exemplo mediante accións de debate e divulgación e encontros empresariais .
Nesta liña insírese os Encontros Clúster Turismo de Galicia, cuxa máis recente edición desenvolveuse no mes de maio
, incluíndo relatorios e mesas redondas para, entre outras cousas, abordar os retos e oportunidades que se lle presenta ao sector turístico galego co horizonte 2020 (cuestións coma o impacto turístico e as oportunidades que xeran os eventos deportivos e culturais, o desenvolvemento do turismo enogastronómico e termal ou os avances tecnolóxicos que ofrecen novas oportunidades de xestión e modernización para os establecementos turísticos). Nun plano máis concreto, na última edición dos Encontros participaron -dando a coñecer as ditas oportunidades e vantaxes- as empresas Amadeus, Nextel, Globaldit ou mesmo a plataforma AirBnB.
Outra das actividades TIC do Clúster celebradas recentemente foi o Encontro Profesional de Innovación e Novas Tecnoloxías, que se celebrou en Sanxenxo (Real Club Náutico) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e contando coa presenza dun centenar de empresas turísticas, provedores dixitais e profesionais do sector interesados en coñecer os cambios que se están a producir neste ámbito produtivo a nivel global. Na xornada, que incluíu relatorios e mesas redondas, mostrouse o potencial de cuestións como o traballo cooperativo para mellorar os servizos que se ofertan aos turistas ou a información a gran escala (Big Data) e a Internet das Cousas (extraendo do inxente coñecemento xerado cada día datos de valor para mellorar a eficacia, o rendemento e a capacidade de resposta das nosas empresas). Participaron empresas como R (comunicación e conectividade), Bismart (información a gran escala), Made in Mobil (Internet das Cousas), Knowdle (software de intelixencia colectiva), PastView (realidade virtual), Brandmaniac (mercadotecnia a través da figura dos influencers), Nani Arenas (consultoría turística) ou More Turismo Internacional. Asemade, na xornada amosáronse as vantaxes de proxectos e programas como SmartPEME da Deputación de Pontevedra, iniciativa para capacitar dixitalmente aos autónomos, PEME e traballadores da provincia (a través de actividades nas sedes de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín). Asemade, nas sesións participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González, quen sinalou que a transformación dixital é unha realidade á que cómpre adaptarse, “unha realidade que se acelerou nos últimos anos e que supón un reto para o sector turístico galego pero tamén nos abre infinitas posibilidades para competir nun mercado global”. González, durante a apertura da xornada, salientou que o novo turista “aprecia máis a calidade de conexión do Wi-Fi ca un bo almorzo, e iso témolo que ter en conta”.
Plan de Formación
O Clúster de Turismo de Galicia (CTG) desenvolveu esta tempada de outono, co apoio de IFFE Business School (no marco do convenio de colaboración subscrito coa Axencia de Turismo de Galicia) a terceira edición do seu Plan de Formación. O programa compúxose dun total de 34 accións desenvolvidas en 14 localidades galegas das catro provincias, co obxectivo de ofrecer “unha formación de alto valor engadido e de carácter gratuíto”, especialmente dirixida a mellorar as capacidades e habilidades de directivos, emprendedores e profesionais do sector turístico galego. A terceira edición do plan formativo, en palabras do secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, constituíu “unha forte aposta do Clúster Turismo de Galicia pola formación e a profesionalización no noso sector, ao que queremos dotar de ferramentas que o fagan máis forte e competitivo”. As accións beneficiarion a case medio milleiro de profesionais do sector.

PUBLICIDADE