O Clúster da Comunicación de Galicia impulsa a transformación do sector cun ciclo de obradoiros

venres, 6 de xuño do 2025 S. P.

O pasado venres 30 de maio comezaron os Obradoiros de Dixitalización do Clúster da Comunicación de Galicia, baixo o epígrafe Exploración de tecnoloxías Data a través do adestramento práctico. Trátase dunha iniciativa financiada polo IGAPE e deseñada especificamente para empresas do sector da comunicación.
O Clúster da Comunicación de Galicia organiza estes obradoiros, que teñen un enfoque eminentemente práctico, co obxectivo de “axudar ás persoas participantes a explorar e aplicar ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) e Business Intelligence (BI) nos procesos e decisións das súas empresas”. Segundo informou o Clúster, cada entidade participante recibirá un diagnóstico individualizado con recomendacións adaptadas á súa situación.
O pasado venres Juanjo Milla, director executivo (CEO) de MILMOH, presidente de ANBAN e asesor do Ministerio de Transformación Dixital, e Gerardo Estévez, director de Elige Plus e coordinador do programa, con máis de 200 proxectos de transformación estratéxica en Galicia, impartiron un Obradoiro práctico de IA.
Nas seguintes actividades formativas, que tratarán sobre BI e a xornada de diagnóstico e valoración do proxecto, participará tamén Alejandro G. Morgade, socio responsable de BI en ELIGE Plus, con máis de 100 implantacións en empresas e administracións galegas.
O Clúster da Comunicación de Galicia busca con este proxecto “mellorar as capacidades dixitais das empresas galegas do sector, así como detectar oportunidades colectivas para impulsar proxectos sectoriais transformadores”.