O Colexio Fogar de Afundación de Vigo inicia curso con nove títulos centrados en novas tecnoloxías de fabricación
mércores, 28 de agosto do 2024
O Colexio Fogar Afundación de Vigo comezará en setembro un novo curso académico. Nel impártense un total de 9 titulacións de ciclos formativos, seis de grao medio (Preimpresión dixital, Impresión gráfica, Soldadura e caldeiraría, Mecanizado, Instalacións eléctricas e automáticas e Instalacións de telecomunicación) e tres de grao superior (Programación da produción en fabricación mecánica, Automatización e robótica industrial e Mantemento electrónico). Houbo unha ampla lista de agarda nos ciclos superiores, así como nos ciclos medios con maiores saídas profesionais.
Segundo explica Abanca (Afundación), o grao de empregabilidade dos ciclos durante o pasado curso foi “especialmente revelador da altísima aceptación da formación profesional no mercado laboral”, cunha porcentaxe que rolda o 85 %, porque, no restante inclúense os estudantes que declinaron ofertas laborais para continuar dedicados aos seus estudos. Ademais, un total de 164 estudantes tiveron a oportunidade de completar a súa formación con prácticas en centros en traballo grazas á colaboración de 136 empresas, que realizaron unha moi boa valoración dos estudantes en prácticas.
No curso que finalizou este centro organizáronse diversas actividades que complementan a súa oferta académica como a XVII edición da Semana Técnica do Colexio Hogar, ademais de accións de voluntariado como as campañas de doazón de sangue, recollida de alimentos ou labores de voluntariado ambiental.
Abanca destaca no capítulo de fitos a conmemoración do 75.º aniversario da fundación do Colexio, que se celebrou cun acto no que se reuniron antigo alumnado, profesorado ou empresariado vinculado á escola, con quen hoxe en día tomaron o relevo en todos estes ámbitos.