O Colexio Ponte dos Brozos de Arteixo, premio Iniciativa Tecnolóxica no Ensino do CPEIG

luns, 17 de xuño do 2019 Redacción

Os esforzos en innovación educativa e inclusión dixital do Colexio Ponte dos Brozos de Arteixo veñen de obter un importante recoñecemento: o Premio Iniciativa Tecnolóxica que concede (por vez primeira) o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) xunto con outros nove galardóns máis xa consolidados, a entregar no marco da Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra o 28 de xuño en Santiago (Hotel Monumento San Francisco).
O premio Iniciativa Tecnolóxica no Ensino é unha nova categoría creada este ano polo CPEIG para distinguir o traballo dos centros de ensino e o seu profesorado en prol da difusión da tecnoloxía entre o alumnado. Respecto das razóns de terse elixido ao Ponte dos Brozos de Arteixo para a estrea oficial desta edición, a entidade de profesionais informáticos lembra que o arteixán foi un dos sete centros seleccionados pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), entre os máis de 100 presentados en todo o mundo, para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil (o colexio galego figura nesta listaxe xunto a outros centros de Reino Unido, Rusia, Portugal, Israel e China). “Grazas a este feito”, sinala o CPEIG, “o colexio participou na Mobile Learning Week, celebrada na sede central da UNESCO en París do 4 ao 8 de marzo de 2019, que tiña como obxecto de estudo a Intelixencia Artificial”. Neste marco, dúas das profesoras do CEIP Ponte dos Brozos, Begoña Codesal e Verónica Iglesias, presentaron a experiencia do centro nunha das mesas de comunicacións e nunha mesa redonda co resto dos colexios seleccionados.
No CEIP Ponte dos Brozos existen a día de hoxe diferentes grupos de traballo que investigan sobre Intelixencia Artificial e a súa utilización no ensino, mostrando ao alumnado como se pode crear e educar un bot que funcione na Google Home. Outros grupos investigan sobre o uso da tecnoloxía maker e como crear booktrailers. Ademais, durante os recreos existe un Club de Ciencia onde o alumnado pode aprender a programar utilizando unha aplicación que se chama Cospaces e que permite programar e crear universos en 3D.
A directora do CEIP Ponte dos Brozos, Patricia Galán Gómez, explica que “para conseguir este fito é preciso contar cun profesorado ilusionado, motivado, preparado e disposto a asumir grandes retos e horas de formación”, ademais dun equipo directivo que favoreza o traballo dentro do centro, e unha institución como o Concello de Arteixo que a través do proxecto Arteixo Innovación financia gran parte do equipamento necesario para que se poidan realizar as actividades. “Non somos un dos sete mellores colexios do mundo, somos a demostración de que no ensino público de Galicia se poden facer grandes cousas”, lembra o coordinador TIC do colexio, Fernando Moreno González.

PUBLICIDADE