O Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia e PuntoGal asinan un convenio de colaboración
mércores, 17 de xaneiro do 2024
O Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) e a asociación cultural PuntoGal, impulsora do dominio galego, asinaron un convenio marco de colaboración para levar a cabo actividades de xeito conxunto. O acordo inclúe a posta a disposición dos socios do colexio descontos á hora de obter un dominio .gal. O documento foi asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e o presidente de PuntoGal, Manuel González González. “Con este acordo”, sinalaron, “retómanse as relacións para o desenvolvemento de actividades e proxectos en forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para ambas as entidades sexan cursos e formacións, eventos, colaboracións ou publicacións”.
En palabras de Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal, “este convenio formaliza unha relación xa existente: o Colexio formou parte das entidades que apoiaron para a consecución do dominio dende a súa orixe, e foi unha das 93 entidades pioneiras en ter un dominio .gal” comentou Janeiro, que ademais mencionou que “xa temos dado o noso apoio a algunha edición das noites da Enxeñaría en Informática de Galicia, e a outros actos organizados polo CPEIG, como o Día das Rapazas nas TIC”. A sinatura deste convenio marco fará máis doado “profundar na nosa relación e colaboración”, engadiu Janeiro.
Pola súa banda, Fernando Suárez Lorenzo manifestou que Internet ofrece “unha plataforma única e sen precedentes para a difusión e enriquecemento da lingua e cultura galegas, permitindo conectar comunidades, preservar tradicións e fomentar a innovación e creatividade na nosa lingua”. E engadiu: “Desde a creación do CPEIG, apostamos pola promoción e a difusión de contidos dixitais en lingua galega, así como pola unión de esforzos e a colaboración como panca para maximizar os éxitos de todas as nosas actividades. Esta colaboración non é senón unha mostra deste espírito colaborativo da nosa profesión”, engade.