O Colexio Santiago Apóstolo acolle unha xornada sobre saúde e tecnoloxías

mércores, 17 de xaneiro do 2024 S. P.

A ANPA do Colexio Santiago Apóstolo en colaboración coa Plataforma Adolescentes Sen Smartphones e Ecoloxistas en Acción, organiza no devandito centro educativo compostelán, este xoves 16 de xaneiro ás 17:30, un acto de presentación dunha guía para nais, pais e docentes sobre o uso de medios dixitais, dentro do debate actual sobre a súa presenza no medio escolar e familiar.
Presentarán as alertas científicas e expertas sobre as problemáticas do proceso hiperdixitalizador da educación e da sociedade nos eidos da saúde, aprendizaxe, ambiental e social.
Esta presentación e debate, auspiciada por nais e pais, docentes e ecoloxistas pretenden abrir unha reflexión na comunidade educativa sobre o que a organización da xornada cualifica de “revolución dixital publicitada como verde, inocua, inmaterial, sostíbel e imprescindíbel”, na liña xa iniciada en diferentes centros de ensino (en Sanxenxo, Vilagarcia, O Grove e Vigo) a petición de sus equipos directivos.
Contan como relatores a Xulio Carmona, coordinador da área de dixitalización e contaminación electromagnética de Ecoloxistas en Acción, e de Menchu Outón, veterana docente da escola pública, ambos dentro da autoría colectiva da guía escolar sobre usos dixitais que repartirán aos asistentes.
No debate falarán dos problemas derivados dun uso non controlado das novas ferramentas e dunha dixitalización precoz, problemas asociados a alteracións da saúde mental e física.
Abordarán igualmente a “presencia importante” en “idades temperás” de condutas aditivas relacionadas coas TIC e darán voz ás persoas expertas que alertan e denuncian tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital. “Afondaremos en tácticas como as que figuran nas denuncias actuais de fiscais de 42 estados distintos de Norte América a META (Facebook, Instagram), por poñer en risco a saúde mental de nenas, nenos e rapazada, de forma premeditada”, sinala a organización, engadindo que tamén “daremos visibilidade aos inasumíbeis custes das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como a denunciada por organizacións de dereitos humanos pola captación xeneralizada de datos do alumnado”.
Mostrarán exemplos das diferentes medidas proteccionistas que se están levando na actualidade para evitar a distracción dixital e mellorar a atención na aula, así como das distintas experiencias de nais e pais cara a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores.

PUBLICIDADE