O Colexio de Arquitectos implanta a tramitación telemática de documentos

martes, 24 de maio do 2011 Raquel Noya

O Colexio de Arquitectos de Galicia, da man do seu decano, Celestino García Braña, vén de descubrir as múltiples vantaxes que ten a tramitación telemática de documentos (xa implantada en varios departamentos da Xunta de Galicia), e acaba de asinar un convenio de colaboración con Presidencia e Modernización, co que facilitar a tramitación, e posterior outorgamento telemático das autorizacións de licenzas urbanísticas dende as distintas Administracións galegas.
O convenio, que ao igual que outros que lle preceden enmárcase dentro das accións definidas na Axenda Dixital 2014.gal, ten por obxecto normalizar e simplificar os procesos de validación e supervisión técnica das distintas obras arquitectónicas que se leven a cabo no noso país; desta maneira, facilita a solicitude, tramitación e posterior outorgamento de licenzas e autorizacións de obra e urbanismo, sen ter que desprazarse ata as dependencias físicas da Xunta, de maneira virtual a través dunha plataforma online.
En palabras dos seus responsables, trátase dunha iniciativa “que será exemplo de innovación no eido da administración electrónica a nivel estatal”, e que beneficiará directamente tanto ás empresas privadas como á Administración e a cidadanía.
Este paso supón ademais, un aforro directo de tempo e cartos para os seus usuarios, así como unha mellora do servizo á cidadanía, ao acadar unha maior axilidade e eficiencia na tramitación dos documentos.
Na súa intervención perante os medios, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, destacou as vantaxes deste proxecto, e citou outras iniciativas seguidas na mesma liña como o Rexistro Electrónico da Xunta, que se porá en marcha este ano; as plataformas dixitais que permiten a licitación electrónica; ou a dixitalización do Diario Oficial de Galicia.
Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, indicou que este servizo estará operativo en 2012, e “dispoñible para todos os concellos adscritos ao convenio eAdministración da Xunta e a Fegamp”. “A día de hoxe están adheridos a este acordo o 82 por cento dos concellos galegos”, engadiu, “unha cifra que se irá incrementando xa que o período de adhesión se estende ata finais deste ano”.
O convenio de colaboración prevé, en definitiva, a implantación de novos procedementos que normalicen e simplifiquen os proceso de solicitude, tramitación e validación de proxectos e demais traballos profesionais visados, así como o desenvolvemento dunha pasarela telemática para o envío recepción dos proxectos de edificación, unha vez estean visadas polo Coag.

Pasarela telemática

A maiores, a sinatura deste acordo posibilitará a creación dunha pasarela telemática que, entre outras cousas, permitiralle aos concellos membros acceder a información dos proxectos de obra visados polo Colexio de Arquitectos. Deste xeito, o cidadán non terá que levar a documentación en papel ata o concello para completar o trámite de autorización da licenza urbanística, e poderá facelo de maneira virtual comodamente dende o seu lugar de traballo ou domicilio.
Entre outros obxectivos, a iniciativa persigue a normalización da información e documentación dos proxectos de edificación, procedementos simplificados, normalizados e adaptados, a interoperabilidade entre as Administracións Públicas e o Colexio de Arquitectos, a implantación da tramitación telemática e fomentar a transparencia e a homoxeneidade nos procesos urbanísticos.

PUBLICIDADE