O Colexio de Atín-Cela de Mos e o Instituto de Cotobade, gañadores do 5º certame de podcast O Vello dos contos

xoves, 8 de xuño do 2023 S. P.

Este martes 6 de xuño celebrouse o acto de entrega dos V Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos contos. De entre os máis de 70 traballos recibidos, resultaron gañadores o Colexio de Atín-Cela de Mos e o Instituto de Cotobade, en Cerdedo-Cotobade, ambos na provincia de Pontevedra. Ademais, en Primaria recibiron o segundo e terceiro premio os colexios Mestre Valverde Mayo e o San Martiño, tamén de Pontevedra. Pola súa parte, o Instituto de Foz, en Lugo, e o Colexio Divino Salvador de Vigo, recibiron, respectivamente, o segundo e terceiro premio de Secundaria.
No acto participaron entre outras personalidades o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
O certame O Vello dos contos, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e o colectivo Ponte… nas Ondas, co apoio da Xunta (a través de Política Lingüística), impulsa a produción e difusión de material audiovisual en galego e portugués ao tempo que recorda e homenaxea a figura de Xose Mosquera, locutor radiofónico, profesor e galeguista que popularizou o personaxe O Vello dos contos na radio compostelá.
Concorre nestes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de educación Primaria (de 5º e 6º cursos) e Secundaria de Galicia, así como outros centros de ensino non universitario de Galicia e aqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, o certame está aberto ao alumnado da mesma idade das escolas do Norte de Portugal.
Aspiraron aos galardóns podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e obra e Francisco Fernández del Riego, o autor a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2023, ou con outros aspectos do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal, cunha duración máxima de tres minutos.

PUBLICIDADE