O Colexio de Xornalistas achega un programa formativo de balde sobre IA
mércores, 11 de xuño do 2025
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza neste mes de xuño unha serie de catro webinars baixo o nome de O impacto da Intelixencia Artificial no xornalismo: riscos e oportunidades, e destinados a “mellorar a adaptación das e os profesionais ao novo paradigma comunicativo creado pola IA”, en palabras do Colexio.
A formación online consta de catro cursos que se celebrarán ás 11.00 horas dos días 17, 19, 26 e 30 de xuño. Os cursos, gratuítos e abertos a todo o mundo, poden realizarse de maneira independente e achegaranse logo en liña para que aquelas persoas que non poidan asistir á sesión programada teñan acceso á gravación.
Para poñernos en contexto, o Colexio explica que “a irrupción da Intelixencia Artificial (IA) está a revolucionar a práctica do xornalismo, presentando grandes potencialidades como ferramenta ao tempo que suscita numerosas dubidas éticas e legais e ameazas como a posible substitución das e dos profesionais por máquinas ou a produción en masa de desinformación”.
Co obxectivo de abordar a dita realidade, o Colexio de Xornalistas organizou o pasado 7 de abril; a xornada O impacto da IA no xornalismo: riscos e oportunidades, co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, e agora compleméntaa con este programa formativo baixo o mesmo nome.
A partir do martes 17
O programa iníciase o vindeiro martes 17 co seminario en liña O criterio profesional fronte á IA: traducir, revisar, verificar, que aborda o uso da IA na tradución e produción de contidos xornalísticos, especialmente en linguas minorizadas, analizando erros frecuentes e salientando a importancia da revisión profesional. Este primeiro curso estará impartido por Diego Vázquez, socio fundador e director de Imaxin Software, con máis de 20 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da lingua, e estará moderado por Nereida Rodríguez Fernández, doutora en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións pola Universidade da Coruña.
O xoves 19 será o momento de realizar unha achega ás implicacións legais do uso da IA no xornalismo, a través do seminario en liña A relación entre o Dereito e IA. Aspectos prácticos, da man de Sergio Aramburu Guillán, avogado e secretario técnico do Consello da Avogacía Galega e conferenciante habitual en materias relacionadas coa deontoloxía, tecnoloxía e Intelixencia Artificial. Esta segunda sesión contará coa moderación de Alba Silva Rodríguez, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Os desafíos da aplicación da IA na comunicación corporativa será a temática central da terceira das xornadas formativas, o martes 26 de xuño. Con A IA: revolución na comunicación no ámbito das organizacións da autoría de Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia e membro da xunta directiva de Creatividade Galega. A intervención de Garnil estará moderada pola xornalista Valeria Pereiras Reza, integrante da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas.
O programa de formación péchase o luns 30 co curso Intelixencia Artificial nos medios: produción, distribución, gobernanza e ética na era dixital. Nel, a Mónica López Golán, doutora en Comunicación e Industrias Creativas pola USC, e Patricia Comesaña Comesaña, doutora pola Universidade de Vigo e profesora investigadora na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, analizarán como están incorporando os medios a IA nas súas dinámicas internas e que tensións éticas e organizativas se producen. Este último curso vai estar moderado por David Lombao Rodríguez, membro do Pleno Territorial do Colexio de Xornalistas.
O acceso aos cursos é libre e gratuíto para todas as persoas, e os webinars realizaranse a través da plataforma de formación do Colexio de Xornalistas. Para inscribirse é preciso cubrir o formulario en liña dispoñible.