O Colexio de Xornalistas de Galicia organiza unha xornada para analizar o uso da IA no xornalismo
luns, 24 de marzo do 2025
Co auxe da Intelixencia Artificial, que se adentra en todos os eidos, cómpre analizar as vantaxes e desvantaxes da mesma. Así o entenden no ámbito xornalístico e dende o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, anuncian a xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades, que se celebrará na mañá do luns 7 de abril.
Informar que este encontro será libre e gratuíto, xa ten aberto o prazo de inscrición, e complementarase posteriormente con webinars formativos.
Indo á xornada, dicir que se desenvolverá a partir das 9 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Avenida de Castelao, s/n), contará coa presenza de expertos como Ramón Salaverría ou Patricia Ventura, entre outros representantes da comunicación, da enxeñería informática e da academia.
A Intelixencia Artificial (IA) supón numerosos cambios na práctica do xornalismo. Ten puntos fortes grandes como ferramenta para automatizar tarefas repetitivas ou analizar datos a grande escala, mais o seu uso na profesión ten suscitado numerosas dubidas éticas e legais, amais das ameazas que supoñen horizontes como a posíbel substitución das e dos profesionais por máquinas sen reflexión xornalística ou produción en masa de desinformación. Atendendo a isto, o Colexio de Xornalistas organiza esta xornada na que quere valorar cales son as posibilidades reais e o uso que se está a facer realmente desta tecnoloxía na nosa contorna, así como os desafíos que representa para o futuro da profesión.
O encontro abrirase o luns 7 de abril ás 9h coa presentación a cargo Belén Regueira Leal (decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galician), Ana Isabel Vázquez Rodríguez (decana da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC) e Fernando Suárez Lorenzo (presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia). Seguirá Verónica Bolón (investigadora en IA e profesora na Universidade da Coruña) e Alba Meijide (consultora independente de IA) debaterán sobre O momento IA: Como chegamos aquí e cara onde imos, baixo a moderación do presidente dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática, Fernando Suárez Lorenzo.
Ás 10:30h terá lugar a primeira das conferencias, baixo o título IA e periodismo: principios éticos para unha adopción responsábel, a cargo da doutora en medios, comunicación e cultura Patricia Ventura, integrante do Comité Asesor en IA responsábel da Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals. Ventura estará presentada por Manuel Rey (responsábel de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e membro da Xunta de Goberno do CPXG). Logo terá lugar un descanso. A actividade retomarase ás 12h cunha mesa de debate sobre Os medios ante o reto da IA desde a perspectiva galega, cunha mesa redonda coa presenza de Alba Chao (xornalista de Faro de Vigo), Marcus Fernández (webmaster de Código Cero), Raúl Romar García (xornalista de La Voz de Galicia) e Xabier Rolán (profesor titular da Universidade de Vigo), coa moderación de Lucía González (vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea).
Para rematar o encontro, ás 13:30h terá lugar a conferencia de clausura de Ramón Salaverria, que falará sobre A IA no xornalismo actual. Salaverría, que é catedrático de Xornalismo da Universidade de Navarra, membro da Academia Europea entre 2022 e 2023 dirixiu o Comité de expertos do Consello de Europa para aumentar a resiliencia dos medios; vai estar presentado por Xosé López García, catedrático de Xornalismo da USC.
Engadir que o programa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sobre a Intelixencia Artificial na comunicación completarase nos vindeiros meses cunha serie de webinars formativos sobre a materia, dos que se informará paseniño polas canles habituais.
As persoas interesadas en asistir á xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades, pódeno facer de xeito libre e de balde, pero a efectos de organización é preciso inscribirse enviando nome completo, DNI e número de teléfono ao correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal. As persoas inscritas poderán solicitar un certificado de asistencia.