O Comité Europeo das Rexións avanza nun ditame na liña da estratexia galega de intelixencia artificial

xoves, 19 de xuño do 2025 Redacción

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou a Lei galega de desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial na cuarta sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrada na cidade austríaca de Klagenfurt am Wörthersee, onde os representantes das rexións e cidades apoiaron un ditame aliñado co Plan de Acción para o Continente da Intelixencia Artificial da UE, unha iniciativa dotada con 200.000 millóns de euros que busca situar Europa á fronte mundial nesta tecnoloxía.
Durante a súa intervención, Gamallo salientou o papel pioneiro de Galicia ao ser a primeira rexión europea en lexislar sobre a intelixencia artificial, tanto para regular o seu uso na Administración e no sector público autonómico como para promovela e favorecer o seu desenvolvemento. Esta iniciativa inscríbese na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que mobilizará máis de 330 millóns de euros públicos, cun impacto económico estimado en 472 millóns, coa fin de implantar en Galicia unha IA avanzada, segura, ética e centrada nas persoas.
Na mesma sesión tamén se abordou un ditame sobre o Libro Branco Preparación en materia de defensa europea 2030, cuxo obxectivo é reforzar a cadea de subministración e a industria de defensa da UE a través dun maior investimento e da cooperación entre Estados membros. A comisión ECON defendeu o recoñecemento do papel das rexións e municipios no apoio ás pemes do sector, e reclamou unha rede cohesionada de infraestruturas de dobre uso, así como máis flexibilidade fiscal e oportunidades económicas.
Gamallo subliñou que esta folla de ruta europea coincide coa Estratexia galega de Aeroespazo, Seguridade e Defensa recentemente aprobada pola Xunta de Galicia, coa que se prevé mobilizar 900 millóns de euros para fomentar o crecemento empresarial, atraer investimentos industriais, fortalecer as capacidades produtivas e liderar as novas políticas nesta materia en España. Ademais, os representantes das rexións trataron un ditame sobre o Plan Europeo de Acción para o Aceiro e os Metais e participaron nunha conferencia titulada Rexións sostibles e competitivas na UE.
Galicia forma parte, neste mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións, das comisións ECON (Política Económica) e CIVEX (Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores). A comisión ECON elabora ditames sobre temas como economía, industria e competencia, trasladando a perspectiva das rexións e municipios á política económica, industrial e comercial da Unión Europea.