O Comité de Sabias de Feminismos 4.0 redobrará esforzos contra a misoxinia dixital

xoves, 1 de decembro do 2022 S. P.

As integrantes do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, reuníronse este xoves 1 de decembro para facer balance do traballo realizado ao longo do 2022 e tamén para perfilar novas estratexias de cara a 2023. Creada en 2021, esta comisión está composta por 15 sabias, todas elas mulleres referentes nos seus eidos profesionais, dende enxeñeiras de Telecomunicación, Mecánica ou Informática ata expertas en Física e Intelixencia Artificial ou filósofas, matemáticas ou filólogas.
A directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, foi a encargada de abrir o acto e, tras saudar ás asistentes, agradeceulles o seu “valioso labor” que se centra en dous obxectivos fundamentais: por unha banda, identificar os retos da sociedade dixital para que as mulleres accedan a ela en condicións dignas e igualitarias e, por outra, definir as accións que deben impulsarse para conseguir a igualdade real e efectiva de mulleres e homes no universo dixital.
Xunto con ela, participou no acto a profesora da UVigo e deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana Mejías, que trasladou o apoio incondicional da Deputación de Pontevedra.
Nesta xuntanza, as sabias avaliaron o traballo desenvolvido durante este ano ao abeiro da cátedra, como o IV Workshop Hackeando o Patriarcado, os proxectos de investigación, os Premios GirlGeekCovid, o Observatorio Stop Machitroles ou a presentación dos vídeos sobre a representatividade e re-presentación das mulleres no audiovisual galego, etc. Tamén avanzaron os detalles de proxectos vindeiros, como a creación dunha revista científica vinculada á Cátedra de Feminismos, que levará por nome Gender on Digital. Journal of Digital Feminism e terá periodicidade anual. Con esta publicación preténdese “construír un espazo de reflexión científica crítica arredor das transformacións da sociedade en relación coa irrupción das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e da dixitalización de todas as esferas da vida”.
Tamén se acordou dar continuidade ao debate sobre a creación de contidos feministas nas redes iniciado este ano. O obxectivo, sinalaron, “é coñecer máis sobre a feminisfera en construción a través de mulleres creadoras de contido (streamers, youtubers, influencers, gamers, artistas dixitais, etc.) para así identificar, reivindicar, tecer redes e reflexionar sobre a misoxinia dixital moi presente nas chamadas Big Tech”.
Arredor desta proposta, engadiron, tratarase de “xerar unha rede de creadoras e de organizar algún encontro ou mesa redonda e mesmo publicar os traballos que realizan nas redes sociais, xa que os medios tradicionais son unha forma eficaz de chegar ao público afastado das social media que tamén debe ser partícipe, como o público non adolescente ou todas as persoas afectadas pola fenda dixital”.

PUBLICIDADE