O Concello, as empresas e a USC fan fronte común en Santiago para acoller a sede a AESIA
mércores, 19 de outubro do 2022
Santiago
é estes días unha fronte común arredor da candidatura da cidade,
xunto coa Coruña, para
acoller a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia
Artificial (AESIA), unha fronte de unanimidade na que están
implicados os ámbitos económico, académico e institucional. Así o
fixo saber o alcalde Xosé Sánchez Bugallo tras unha xuntanza na que
participaron os voceiros dos grupos da Corporación, o reitor da USC
e representantes do tecido empresarial de Santiago. Sánchez Bugallo
sinalou que unha alianza de candidaturas coa Coruña faría
“imbatíbel” a proposta de Galicia.
Tras
unha reunión de case dúas horas na que participaron o alcalde, Xosé
Sánchez Bugallo, as concelleiras de Urbanismo, Mercedes Rosón, e de
Facenda e Modernización da Administración Local, Marta Abal; os
voceiros dos grupos da Corporación Municipal, o reitor da
Universidade de Santiago de Compostela e representantes da Cámara de
Comercio, do Club Financeiro, do Foro Cívico e da Asociación
empresarial do Tambre, a cidade adoptou unha fronte común para
demandar que a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial
(AESIA) sexa emprazada en Santiago. O alcalde explica que Compostela
é "máis forte en 7 dos 11 parámetros que establece o
Ministerio para dar acubillo á Axencia" mentres que A Coruña
destaca en 4.
"O
emprazamento desde o punto de vista das comunicacións co resto de
Galicia é claramente mellor, a súa conectividade co resto de España
tamén o é cunha estación de tren a 5 minutos, cunha rede de
autovía de integración directa, cun aeroporto con máis destinos e
máis frecuencias e con equipos de investigación máis potentes e
desenvolvidos”, explicaba o alcalde, poñendo o foco en dúas das
tres propostas coas que traballa o Concello: a instalación da súa
sede na Cidade da Cultura, no edificio Fontán; ou unha sede
compartida Santiago-A Coruña, coa parte administrativa na Cidade da
Cultura e cos laboratorios e os espazos onde se desenvolvan os
proxectos pilotos na Cidade das TIC (A Coruña).
Bugallo
tamén fixo fincapé no que feito de que Compostela sexa a sede dos
principais servizos autonómicos neste ámbito tecnolóxico, como son
o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou a Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), localizada
precisamente no edificio Fontán da Cidade da Cultura. Aínda que a
proposta integradora sería "moi dificilmente batible porque é
conxunta", insiste Sánchez Bugallo en que "o noso
obxectivo é gañar a nivel nacional" e Santiago “reúne as
características necesarias para ser a candidata elixida”,
concluíu.