O Concello da Coruña afirma que a cidade ten potencial para converterse nun gran referente en economías TIC

venres, 16 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Na mañá desta quinta feira (xoves) celebrouse na Coruña a entrega de premios da oitava edición da Feira das Ideas Empresariais de Inicia, un programa (Inicia) que impulsa o talento empresarial no alumnado dos ciclos formativos. Na cita participou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen lembrou que o programa consiste nunha formación práctica na que os estudantes fan o estudo de viabilidade dunha iniciativa empresarial, co apoio do profesorado, e o uso dun software especializado de simulación para a creación dun plan de empresa. As mellores ideas foron recoñecidas na mañá deste 15 de marzo, precisamente, con premios aos seus centros de formación profesional.
O edil de Emprego lembrou aos e ás participantes que “se deciden darlles continuidade aos proxectos emprendedores”, teñen á súa disposición “o servizo de asesoramento a empresas da Concellería de Emprego e Economía Social”, un servizo emprazado no viveiro de empresas Accede Coruña, no Papagaio, no que poden “completar aínda máis a formación recibida e acceder a un posto en pre-incubación nun dos postos baleiros do viveiro de empresas, como ten acontecido xa en anteriores ocasións”.
Para alentar aínda máis o espírito emprendedor local, o concelleiro salientou as oportunidades de innovación que se abren perante A Coruña, que ten potencial “para converterse nun centro de referencia nas economías que van marcar o presente século, que é o das tecnoloxías aplicadas á información e o coñecemento”, tecnoloxías concretas que son o alicerce (xa) de empresas locais, emerxentes e consolidadas. Lema tamén sinalou que o camiño das políticas públicas pasa por dotar ao novo empresariado de "infraestruturas e asesoramento". Segundo sinalou, para asegurar o devandito “precisamos máis solo industrial, máis transferencia de coñecemento desde a Universidade e máis coordinación de todas as administracións implicadas”.
Oito centros participantes
Un total de oito centros participaron nesta edición do programa, no que se asesoraron 50 proxectos de 20 especialidades distintas. Deles, 15 foron seleccionados para esta Feira das Ideas. Os centros participantes foron o CIFP Someso, CIFP Imaxe e Son, IES Calvo Sotelo, IES Sardiñeira, EASD Pablo Picasso, CPR López y Vicuña, CPR Nebrija e CPR Afundación.

PUBLICIDADE