O Concello da Coruña crea unha aplicación móbil que integra todos os servizos municipais

luns, 27 de marzo do 2023 S. P.

O voceiro municipal e concelleiro de Economía e Facenda da Coruña, José Manuel Lage, presentou este sábado 25 de marzo a nova aplicación móbil cidadá que xa está dispoñíbel en sistemas Android e iOS, a ferramenta para dispositivos App Coruña, que, segundo dixo, permitirá a consulta e xestión de múltiples servizos municipais. A aplicación “será unha revolución no día a día dos coruñeses e coruñesas", comentou, engadindo que o obxectivo esta ferramenta é “situar a cidade da Coruña noutra dimensión en termos de relación entre os cidadáns e a administración".
Entre as súas vantaxes principais figuran as seguintes: as coruñesas e coruñeses poderán acceder á gran maioría dos servizos municipais desde o seu móbil, poderán consultar información en tempo real sobre o tráfico, os autobuses, BiciCoruña ou a axenda cultural; e, ademais, terán marxe para consultar datos persoais como impostos, recibos ou préstamos bibliotecarios)
Os contidos da aplicación pódense personalizar en función das preferencias de cada usuario, que só necesitará as súas credenciais de acceso ao perfil municipal para dispoñer de diferentes servizos. “A aplicación é moi intuitiva, con iconas de gran tamaño e menús organizados por áreas”, explicou o concelleiro, salientando que “unha vez introducido o perfil persoal do Concello, a información organizarase en diferentes temáticas para facilitar a navegación”. Segundo destacou, “unha das vantaxes desta nova aplicación é que poderemos agrupar nela diferentes servizos que xa estamos ofrecendo e outros que ofreceremos nos próximos meses". Por exemplo funcionalidades operativas como a de BiciCoruña, que está totalmente integrada nesta aplicación, permitindo a reserva e o desbloqueo de bicicletas, así como novas funcións, como un planificador de rutas. Por outra banda, tamén hai información en tempo real do servizo de transporte urbano e moi pronto integrarase na aplicación o novo sistema de pago do billete do bus con código QR.
A aplicación conta con outras seccións de utilidade para a cidadanía, como un visor do estado do tráfico en tempo real, as incidencias e cortes por días ou mapas cos servizos esenciais da cidade. Tamén inclúe información sobre os distintos procesos selectivos que se convocan polo Concello, coa posibilidade de subscribirse a un servizo de alertas para estar informado de calquera novidade. Na aplicación está integrado o novo Sistema de Suxestións e Reclamacións, que permite crear incidencias, adxuntar imaxes e facer un seguimento do proceso de tramitación.
Desde a aplicación tamén é posíbel levar a cabo trámites e xestións municipais a través do servizo de cita previa e consultar todos os procedementos abertos. Poderanse consultar todo tipo de datos persoais, como a identidade dixital de cada usuario, os seus inmóbeis e vehículos, os impostos e recibos ou os préstamos das bibliotecas.
O Goberno de Inés Rey investiu 164.000 euros, co-financiados a través de fondos europeos FEDER, na creación desta aplicación. "Esta ferramenta, en termos de innovación e novas tecnoloxías, sitúanos no primeiro nivel das cidades europeas, ofrecendo ao cidadán todos os servizos que precisa na súa man", sinalou Lage.

PUBLICIDADE