O Concello da Coruña dá a coñecer o palmarés dos XXXVIII Premios Prismas

xoves, 25 de setembro do 2025 S. P.

O Concello da Coruña compartiu o palmarés da nova convocatoria dos Premios Prismas (XXXVIII edición), organizados polo Concello a través dos Museos Científicos. O xurado recoñeceu cun Prisma de Bronce os mellores traballos en oito categorías: Vídeo, Novo medio, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio, Proxecto singular, Proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano e Prisma Especial do xurado.
Segundo fixo saber a alcaldesa Inés Rey, este galardóns “son un referente para a comunicación e divulgación científica en España”, a través dos cales reivindícase A Coruña e o traballo da rede de Museos Científicos como "buque insignia da divulgación e verdadeira contra-armada científica" para as novas xeracións.
Os premios entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
O xurado da XXXVIII convocatoria do premio Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica, reunido os días 19 e 20 de setembro de 2025, decidiu outorgarlles os Prismas de Bronce aos seguintes traballos:
• Mellor traballo en vídeo: Querida gaivota maldita!, de Manuel Pedrosa Sánchez e Mariam Marino Casal, por reivindicar o papel das gaivotas nos nosos ecosistemas costeiros a través dunha coidada produción audiovisual.
• Mellor traballo en novos medios: Reacciona Explota, canle de Youtube de Aythami Soto Rodríguez, por espertar o asombro narrando con profundidade aspectos pouco coñecidos da ciencia.
• Mellor proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano: Agua clara, de Stéphanie Aparicio Antón, por presentar con claridade e sentido do humor cuestións esenciais sobre a xestión e o consumo de auga.
• Mellor artigo xornalístico: Rodeados de microplásticos: la contaminación minúscula que bebemos, comemos y respiramos, de Clemente Álvarez e Laura Navarro, publicado en El País, por presentar un tema relevante con mirada ampla e solidez gráfica e narrativa.
• Mellor traballo en radio: ¿Por qué andamos con dos piernas?, de Xaviera Torres e Raquel Martín Alonso, para RTVE, un programa luminoso que partindo da curiosidade infantil chega a todos os públicos.
• Mellor proxecto singular: Més que ciència, de Daniel Amatller, por combinar as novas tecnoloxías e a calidez da atención personalizada para levar a divulgación científica ás persoas maiores ou en situación de dependencia.
• Mellor libro editado: ¿Por qué soñamos? Y otras grandes preguntas sobre dormir y el sueño, de Pablo José Barrecheguren Manero, en Plataforma Editorial, por contar de forma rigorosa e amena a importancia do sono e os soños.
Ademais, o xurado decidiu outorgarlle o Prisma Especial do Xurado ao Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), por un sólido proxecto de comunicación científica caracterizado pola calidade e a audacia na exploración de novos formatos.
Tamén se decidiu outorgar mencións honoríficas nas modalidades seguintes:
• Mención honorífica na categoría de artigo xornalístico para Él darrer alè del mar d’Áral, de Laura Carrau Pascual e Rafael Marcé Romero, publicado en Revista Mètode, por desvelar as consecuencias globais dunha catástrofe ambiental causada pola acción humana.
• Mención honorífica na categoría de proxecto singular para Hypatia II: abriendo el espacio a la mujer da Associació Hypatia Mars, por promover referentes femininos na ciencia e na exploración espacial.
O xurado estivo formado por Luis Alcalá, paleontólogo e museógrafo, Mónica Salomone, xornalista científica, directora de comunicación do CNIO, Silbia López de Lacalle, xornalista e divulgadora científica, Sergio Rodríguez Roiloa, profesor da Área de Ecoloxía na Universidade da Coruña e director da Cátedra EMALCSA-UDC e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo Museos Científicos Coruñeses, actuou como secretario do xurado.