O Concello da Coruña e Vodafone garanten que antes de que remate o ano o 5G chegará ao 75% da poboación

martes, 23 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña e Vodafone están a impulsar na cidade o novo e revolucionario estándar de telefonía móbil: a tecnoloxía 5G. Fixérono anunciando un acordo a través do cal, antes de que remate o ano en curso o 75% da veciñanza poderá ter acceso ao dito servizo. Amais, antes do 30 de setembro porase a nova tecnoloxía móbil ao alcance da metade da poboación. Así o deron a coñecer o edil de Economía e Facenda, José Manuel Lage Tuñas, e máis o director territorial da operadora, Juan Manuel Navarro, que mantiveron unha xuntanza para falar sobre o proxecto de implantación desta rede na cidade.
O edil anunciou que solicitará, “non só a esta compañía, senón ao resto de operadoras”, que o novo estándar chegue a toda a poboación “no menor tempo posíbel”, engadindo que a intención é “abordar con todas as operadoras, que así o desexen, un marco de colaboración estábel que mellore as condicións nas que acceden os cidadáns ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación”.
Segundo fixo saber, a nova rede será fundamental para combater a saturación da banda electromagnética que existe nas grandes urbes. “Hoxe en día con máis dispositivos conectados é necesario contar con maior capacidade para soportar que máis clientes poidan traballar con normalidade cando se conecten de maneira simultánea”, explicou, asegurando “que a nova rede permitirá incrementar a velocidade de navegación tanto nos terminais móbiles coma nos domicilios”, un avance que beneficiará aos cidadáns e ás empresas locais, que poderán competir “en igualdade de condicións con outras empresas e cidades en materia tecnolóxica”.
Tamén lembraron que a velocidade da rede 5G de Vodafone é de até 1Gbps en descarga de datos e a finais de ano poderá acadar os 2 Gbps, multiplicando por 10 as velocidades de 4G.
Segundo recordaron, entre as vantaxes do 5G inclúese unha redución da latencia que chegará aos 5 milisegundos (o que será fundamental na transformación de sectores claves para o desenvolvemento económico e aplicacións en tempo real como o coche autónomo, a telemedicina, a Realidade Virtual, o vídeo 8K e a computación na nube). O novo estándar tamén achegará un importante pulo para o desenvolvemento das Cidades Intelixentes ou os modelos baseados na Internet das Cousas.

PUBLICIDADE