O Concello da Coruña e a Deputación crearán un centro de innovación para modernizar a administración local

martes, 11 de maio do 2021 S. P.

O Concello da Coruña e a Deputación anunciaron a vindeira posta en marcha dun centro de innovación para modernización a administración local. Este ente desenvolverá a súa propia tecnoloxía para mellorar os servizos e axilizar os trámites da cidadanía, segundo fixeron saber as dúas entidades, na sinatura do convenio que o vai facer posíbel. A intención das dúas institucións é situalo na Cidade das TIC e que poida optar aos fondos económicos do programa Next Generation da Unión Europea.
A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinaron este 7 de maio o convenio de colaboración que servirá de marco ao Centro tecnolóxico e de innovación orientado á transformación dixital da administración local. Segundo fixeron saber, no proceso de materialización da iniciativa, avaliarán tamén a posibilidade de situar o centro na Cidade das TIC (a antiga Fábrica de Armas) e a incorporación doutras administracións locais, autonómicas e estatais de cara a aproveitar as sinerxías dos proxectos e deste novo polo TIC de innovación dixital.
Ademais, sinalou a alcaldesa, este centro “favorecerá o crecemento do sector TIC provincial e desenvolverá programas de capacitación dixital do persoal público e da propia cidadanía”, co obxectivo último de reducir a fenda dixital incrementando o coñecemento da sociedade no uso das Tecnoloxías de Información e Comunicación.
Ambos os organismos comprometéronse a realizar un proxecto que se presentará a obter fondos económicos do programa Next Generation da Unión Europea, englobados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dentro do marco España Dixital 2025, da Estratexia Galicia Dixital 2030, e das respectivas Axendas Dixitais e proxectos TIC das entidades participantes.

PUBLICIDADE