O Concello da Coruña e a UDC impulsarán o proxecto da Cidade das TIC no marco dun convenio plurianual

luns, 26 de maio do 2025 S. P.

O Concello da Coruña e a Universidade acordaron establecer un marco de colaboración plurianual para o impulso da Cidade das TIC, a antiga Fábrica de Armas da cidade herculina hoxe en día transformada en centro de coñecemento e emprendemento tecnolóxico. O documento será levado esta semana aos órganos de goberno de ambas as institucións para a súa aprobación e posterior sinatura.
Dito acordo ten por obxecto establecer un marco de colaboración interadministrativa entre Concello da Coruña e UDC que “permita adoptar as decisións máis beneficiosas para o proxecto Cidade das TIC”, amais de darlle “un impulso relevante á finalidade coa que naceu e coa que se está a desenvolver, así como ás políticas públicas que fagan efectivo o principio de desenvolvemento territorial e urbano sustentable”.
Ambas as partes concordaron na necesidade de impulsar ante o Ministerio de Defensa a transmisión da concesión demanial outorgada á Universidade da Coruña no ano 2020 ao Concello. Unha vez autorizada esa transmisión, no marco deste acordo, o Concello cederá á UDC tres edificios e compromete o apoio financeiro para a rehabilitación dos ditos inmóbeis en diferentes anualidades.
A subscrición deste convenio é para a alcaldesa Inés Rey "o paso necesario para poder dar o impulso definitivo á Cidade das TIC e convertela nun polo industrial e tecnolóxico que supoña un incentivo dinamizador para o sector docente, empresarial e cultural da cidade e da propia Comunidade Autónoma".
O terreo da concesión comprende unha superficie de 127.943 m2 e conta cun total de 22 edificacións. Na actualidade, a Cidade das TIC conta con tres iniciativas en marcha: o Galaxy Lab; o Centro de Servizos Avanzados (CSA) e o Coruña Estudo Inmersivo (CEI). A eles sumarase o Centro de Formación Especializada en Novas Ocupacións relacionadas coa Transición Verde Dixital, promovido pola Xunta de Galicia e en trámite de licitación de obra, e o Centro de Produción Audiovisual Avanzada (CPAA) promovido pola sociedade Pedralonga Estudios.