O Concello da Coruña e o CITIC, xuntos para transformar a mobilidade da cidade

mércores, 4 de agosto do 2021 S. P.

O concelleiro de urbanismo do Concello da Coruña, Juan Díaz Villoslada, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, asinaron unha declaración de intencións para traballar de xeito conxunto no deseño, desenvolvemento e implantación de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) e na dixitalización da mobilidade da cidade. A finalidade é “impulsar unha mobilidade segura, saudábel e sustentábel”. Os dous proxectos (a implantación das ZBE e a transformación da mobilidade da Coruña) serán presentados para optar aos fondos de recuperación europeos Next Generation EU.
A sinatura tivo lugar este mércores 4 de agosto no Demostrador Tecnolóxico do Centro Demostrador TIC da Universidade da Coruña, acto ao que asistiron diferentes representantes municipais.
Segundo explica o centro da UDC, o Concello da Coruña decidiu contar co CITIC como socio tecnolóxico para “fortalecer os ámbitos da investigación e desenvolvemento e poder aportar un equipo avanzado para a presentación de proxectos a estes fondos de recuperación”.
Así, ambas entidades colaborarán para impulsar a transición cara a mobilidade do futuro, un proceso “inherente á instauración da Cidade 30 como marco urbano no que se poidan cumprir os obxectivos do desenvolvemento sustentábel”.
O director do centro sinalou que “dende o CITIC estamos a disposición do Concello, así como de toda a cidadanía, para poñer ao alcance da sociedade as nosas capacidades. Esta é unha gran oportunidade para contribuír dende o CITIC, como socio tecnolóxico do Concello, a posicionar A Coruña como unha cidade máis verde e dixital, aportando a nosa experiencia no ámbito da Intelixencia Artificial”.
O edil de urbanismo destacou que “a dixitalización dos sistemas de xestión do tráfico e a aplicación das últimas tecnoloxías permitirá que a mobilidade das persoas e as mercadorías sexa máis eficiente. Crearase un novo centro de xestión da mobilidade en que integrar dixitalmente todos os procesos”. Con isto, apuntou Villoslada, “búscase saber como se utiliza o espazo público, a carga e descarga, os túneles e o ciclo semafórico. Ademais, queremos pór en marcha un plan de establecemento de Zonas de Baixas Emisións para lle dar cumprimento ás directrices que marcará a nova lei de cambio climático”.

PUBLICIDADE