O Concello da Coruña impulsa a constitución da sociedade xestora da Cidade das TIC
mércores, 25 de outubro do 2023
O Concello da
Coruña convocou
a Comisión de Estudo que permitirá a creación dunha sociedade pública como
estrutura de gobernanza da Cidade das TIC, designando o presidente e os
membros da dita comisión, liderada polo titular da Área de Economía e
Planificación Urbana, José Manuel Lage, e integrada por un membro de cada grupo
con representación en María Pita e persoal municipal de perfil técnico.
A comisión
elaborará unha memoria técnica coa súa proposta, que será elevada
posteriormente ao Pleno para a súa aprobación. O obxectivo é que antes de que
finalice o ano estean aprobados os estatutos, a achega de capital social e
constituída a sociedade.
O Concello
estableceu coa Universidade da Coruña no convenio de colaboración firmado en
xaneiro as bases para a redacción do plan director, unha memoria xustificativa
da sustentabilidade económico-financeira da futura sociedade pública e o
proxecto de estatutos dela. A dita sociedade terá por socios o Concello da
Coruña, cun 51% de participación, e a UDC, co 49% restante. Establécese tamén
que a fórmula societaria será unha sociedade de responsabilidade limitada cun
capital social inicial de 660.000 euros.
O Goberno de Inés
Rey continúa apostando decididamente pola Cidade das TIC, que será un gran polo
tecnolóxico e xerará numerosos empregos na cidade e na súa área metropolitana.
"A Cidade das TIC será un referente tecnolóxico nacional e internacional
que, xunto coa posta en marcha da AESIA, facilitará a instalación de empresas
do sector e servirá como vector de crecemento e dinamización económico da
cidade e de Galicia en xeral", apunta José Manuel Lage.
A Cidade das TIC
permitirá a creación de novas startups, o impulso do I+D+i, o fomento do
emprendemento e a atracción de empresas multinacionais. O Goberno de Inés Rey
deu ata o de agora numerosos pasos para axilizar a dita posta en marcha, algo
que quedou de manifesto coa actual execución dos traballos de mellora de
accesos e de urbanización do espazo, que conta cunha achega municipal de máis
de 3 millóns de euros.