O Concello da Coruña oferta máis de 200 prazas de formación dixital a través da rede de bibliotecas
martes, 2 de setembro do 2025
O Concello da Coruña abriu con mes de setembro o prazo de solicitudes para optar ás máis de 200 prazas dispoñibles nas actividades de formación en competencias dixitais que se impartirán na rede de bibliotecas municipais da Coruña ata finais do vindeiro mes de novembro.
O Concello explicou que o programa está deseñado para “reducir a fenda dixital, fomentar a inclusión social e dotar as persoas participantes das competencias necesarias para un uso creativo, crítico e seguro de ferramentas tecnolóxicas e en liña, coa finalidade de acadar obxectivos relacionados co traballo, a empregabilidade, a aprendizaxe, o aproveitamento do tempo libre, así como a inclusión e participación na sociedade”.
A actividade enmárcase dentro do amplo abano da oferta formativa impulsada polo Goberno de Inés Rey para “contribuír a garantir o dereito de acceso á información, á educación, á formación e á empregabilidade”. As actividades están orientadas, moi especialmente, ás persoas en idades máis avanzadas, colectivos en risco de exclusión e tamén á veciñanza que precisa actualizar os seus coñecementos en tecnoloxías de uso cotián.
A programación impulsada polo Concello, de formación presencial, inclúe cursos de uso do computador e o teléfono móbil -tanto a nivel de iniciación como a nivel avanzado-, obradoiros para aprender a manexar as redes sociais e outras actividades orientadas ao control parental e protección das e dos menores, ao que se suma a formación en ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) ou a detección de noticias falsas na Rede.
As actividades formativas lévanse a cabo nos espazos das bibliotecas municipais da cidade -Ágora, Durán Loriga, Fórum Metropolitano, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia-, tanto en horario de mañá como de tarde, co obxectivo de facilitar a participación.
O acceso libre e gratuíto mediante inscrición previa, con prazas limitadas.
