O Concello da Coruña ofrece formación en competencias dixitais para facilitar o acceso ao mercado laboral

xoves, 31 de marzo do 2022 S. P.

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación, impulsa unha nova iniciativa de formación en liña en materia de dixitalización. O prazo de inscrición será do 28 de marzo ao 13 de abril e realizarase a través da web municipal de Emprego.
O Concello explica que o plan de estudos é de balde e está pensado para persoas desempregadas ou que queiran mellorar no seu emprego, con preferencia para aquelas maiores de 16 anos empadroadas na cidade. As accións formativas estarán dispoñíbeis en liña na súa totalidade e accesíbeis as 24 horas do día.
Respecto dos obxectivos do programa, dende o Consistorio explican que “posto que a dixitalización é cada vez máis unha peza clave no desenvolvemento profesional e académico, a formación neste eido non só axuda a mellorar o perfil, senón que se está a converter en requisito de contratación de cara a futuros empregos”.
Cada persoa poderán escoller aquelas accións formativas de máis interese segundo a súa especialización: competencia en linguas (inglés, francés e alemán en distintos niveis) ou en administración de empresas (seguridade informática, sinatura dixital, notificacións e rexistros electrónicos, comunicación, habilidades directivas...).
Toda a información pode consultarse de maneira máis detallada na web municipal de Emprego desde o vindeiro luns 28 de marzo, xunto coa apertura do prazo para a realización de inscricións.

PUBLICIDADE