O Concello da Coruña quere impulsar o comercio cunha app que sexa un escaparate virtual

mércores, 19 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Coruña podería contar en breve cunha nova ferramenta que exerza de escaparate virtual para o pequeno e o mediano comercio, impulsando a súa transformación e ampliando a súa marxe de mercado cara aos novos hábitos (tecnolóxicos) dos consumidores potenciais. Así o fixo saber o Concello durante a sesión da Mesa Local de Comercio celebrada onte en María Pita, no transcurso da cal o Goberno local presentou ás asociacións a proposta para o desenvolvemento da dita app, “unha ferramenta que permita á veciñanza coñecer os distintos comercios, a súa localización e datos de contacto, así como os seus produtos a través de diferentes opcións”. O Concello tamén fixo saber que a través da aplicación, as e os comerciantes terán a posibilidade de realizar campañas de promoción.
Esta medida forma parte do Plan de dinamización comercial da Coruña 2020-2021 exposto ás entidades e asociacións para a súa valoración, un plan que “consolida e amplía as actuacións que xa estaban en marcha”, e que acubilla iniciativas (a maiores da aplicación móbil) como por exemplo un programa piloto destinado ao pequeno e mediano comercio para axudar aos establecementos a superar os retos da mercadotecnia en liña, as web, as vendas e a visualización en liña. Dispón dun orzamento de 40.000 euros para a primeira edición, que se desenvolverá de maio a novembro de 2020. Esta iniciativa chámase Tendas a exame en liña, que se complementa con Tendas a exame presencial, cuxo obxectivo é resolver as principais dificultades ás que se enfronta un gran número de comerciantes para manter o seu negocio.

PUBLICIDADE