O Concello da Coruña ultima a volta á actividade das ciberaulas
luns, 1 de setembro do 2025
O Concello da Coruña licitou o servizo de organización, desenvolvemento e programación das actividades que se levarán a cabo nos vindeiros meses nas ciberaulas repartidas entre os diversos centros cívicos municipais.
Esta iniciativa, concibida especialmente para menores de 6 a 12 anos pertencentes a familias en risco de exclusión social, "é unha das medidas que está a potenciar o Goberno de Inés Rey para fomentar a conciliación familiar e laboral das e dos coruñeses", tal e como explicou a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa.
A previsión do Concello é ofertar máis de 2.400 horas de actividades propostas para que as nenas e nenos aprendan hábitos de vida saudable, dean renda solta á súa creatividade e, ademais de descubrir e impulsar o seu talento individual, tamén interioricen a importancia de colaborar e traballar en clave colectiva. “Isto”, sinalou o Concello, “será posible grazas á existencia de espazos integrados onde a rapazada contará con equipamentos informáticos, tamén audiovisuais, de lectura e áreas de xogos infantís, habilitados en centros cívicos da Coruña como os de San Diego e Os Mallos, entre outros”.
Ao longo dos vindeiros doce meses, as e o menores participantes nas ciberaulas poderán tomar parte nestas actividades extraescolares das que se informará ao detalle nas vindeiras semanas, toda vez se adxudique o contrato e se formalice o calendario definitivo coa programación completa.
Respecto da metodoloxía a seguir, o Concello engadiu que “a combinación de recursos tecnolóxicos e espazos lúdicos permite que os menores aprendan de forma dinámica, combinando o uso de ferramentas dixitais con actividades creativas e físicas”.
As actividades desenvolveranse principalmente en horario de tarde, de luns a venres, facilitando así que as familias poidan compaxinar as súas responsabilidades laborais co coidado dos seus fillos.
En épocas como Nadal, Semana Santa e verán, as ciberaulas abrirán tamén en horario de mañá.
O programa conta co respaldo do Servizo de Educación e Atención Familiar (SEAF) do Concello.
As actividades extraescolares das ciberaulas non se limitan a reforzar contidos académicos, senón que inclúen obradoiros creativos, xogos cooperativos e proxectos que fomentan a curiosidade e o pensamento crítico. Ademais da formación tecnolóxica e cultural, búscase inculcar valores como a solidariedade, o respecto e a cooperación, esenciais para o desenvolvemento integral dos menores.
