O Concello da Pobra dá continuidade á formación tecnolóxica local para persoas maiores

xoves, 24 de novembro do 2022 S. P.

A boa acollida na Pobra do Caramiñal das xornadas formativas para a mellora das competencias dixitais da cidadanía maior de 65 anos motivou que a Fundación Amigos de Galicia, coa colaboración da Concellaría dos Servizos Sociais, impulse unha segunda parte. A edil Amparo Cerecedo (BNG) explica que se lle dá así continuidade na localidade ao programa @s nos@s maiores, mellor acompañad@s promovido pola referida entidade.
Trátase dunha decisión que se fundamenta no “interese amosado por parte das persoas participantes en seguir a adquirir destrezas no ámbito das novas tecnoloxías”, explicou.
Deste xeito, impartiráselles contido máis avanzado no que respecta a procesos e trámites telemáticos nun mundo cada vez máis dixitalizado.
Esta formación teórico-práctica proseguirá no Centro Sociocomunitario e de Benestar nos días 9, 16, 23 e 30 de decembro, en horario de 10.00 a 12.30 horas.

PUBLICIDADE