O Concello de Allariz instala paneis dixitais para achegar información á veciñanza e visitantes

mércores, 23 de abril do 2025 S. P.

Dar un paso adiante de cara á modernización da infraestrutura pública urbana pensando na mellora da comunicación e o acceso á información para a veciñanza e as persoas visitantes é o obxectivo do Concello de Allariz que vén de anunciar a instalación de dous MUPI (Módulos de Información de Puntos de Interese) publicitarios dixitais situados en puntos clave da vila: na zona alta e baixa, o que se traducirá nunha achega de información máis áxil, interactiva e actualizada.
Cómpre sinalar que esta actuación está financiada con fondos da Unión Europea a través do programa Next Generation EU, inserido no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Indo aos novos paneis dixitais, dicir que supoñen unha mellora significativa na comunicación pública, ofrecendo contidos interactivos e multimedia, como vídeos, imaxes e mapas, que facilitan
unha interacción máis dinámica e atractiva tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes. A información será actualizada en tempo real sen a necesidade de intervención física, o que asegura que os datos que se proporcionen sexan sempre os máis recentes e relevantes.
Alén disto, o uso destes paneis dixitais permite reducir a xeración de residuos asociados á impresión de materiais, contribuíndo á sostibilidade e ao coidado do medio ambiente. A modernización tamén se percibe no espazo público, onde a instalación dos paneis contribúe a renovar a imaxe dos espazos urbanos, facendo que Allariz se percibe como un lugar máis moderno e accesíbel.
Pola súa banda, a alcaldesa Cristina Cid, acompañada por parte do goberno local e do persoal da oficina de información, realizou unha visita para comprobar o funcionamento dos MUPIs. Durante a visita constatáronse os beneficios desta nova tecnoloxía, que mellorará a conexión e a accesibilidade para a veciñanza e as persoas que se achegan ao municipio.
Por último, engadir que esta actuación forma parte do PSTD Allariz Destino Sostíbel que está financiado con recursos do PRTR (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia) no desenvolvemento das actuacións necesarias para a consecución dos obxectivos definidos no Compoñente: C14. Plan de modernización e competitividade do sector turístico Inversión 1, do dito PRTR.