O Concello de Ames abre as votacións do segundo certame Galetiktokers

martes, 23 de novembro do 2021 S. P.

O Concello de Ames vén de informar da apertura do período de votacións para a segunda entrega do certame Galetiktokers, concurso para estimular a creatividade das novas xeracións, animar á creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e dar visibilidade á comunidade galega de tiktokers. En concreto, dende este martes 23 ata o 30 de novembro ás 23:59 horas, o público poderá escoller ás persoas gañadoras dos dous premios do público de 150 euros que se reparten nesta segunda edición.
Para votar, cómpre que fagamos seguimento do perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames) e premer gústame nos 21 tiktoks candidatos, que se subirán a esa mesma conta. Os vídeos con máis votos das dúas categorías de idade (dos 13 aos 16 anos e dos 17 en diante) levarán os galardóns do público. A entrega de premios terá lugar o 16 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Os dous premios decididos polo público a través das redes sociais acompañan a outros dous galardóns escollidos polo xurado. En total, serán 600 euros os que se repartirán entre as persoas gañadoras, que desta volta poden ser de fóra do concello de Ames. O certame, dirixido á mocidade a partir dos 13 anos, divídese en dúas categorías. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos.
Na categoría dos 13 aos 16 anos participan trece tiktoks de nove candidaturas, catro delas presentadas en grupo. O 56% das persoas ou grupos que optan aos premios do certame nesta categoría son do concello de Ames. Ademais, a meirande parte dos vídeos presentados son de rapazas, un 85%.
Na categoría a partir dos 17 anos, a participación é lixeiramente menor pero con máis diversidade na orixe municipal das persoas candidatas. Son oito as persoas inscritas e tamén oito os tiktoks, presentados todos de maneira individual. Só unha das oito candidaturas é de orixe amesá, e de novo, as galetiktokers dominan, “xa que sete dos oito vídeos levan autoría feminina”, sinalou o Concello, lembrando que malia a temática das pezas “sexa variada”, a lingua e a cultura galega destacan como foco principal dos tiktoks das participantes.

PUBLICIDADE