O Concello de Ames achegará as empresas locais á cidadanía por medio dos seus móbiles
xoves, 20 de xaneiro do 2022
Esta
semana o Concello de Ames comezou unha rolda de visitas a empresas,
profesionais e negocios do termo municipal con vistas á
elaboración dunha Guía de Empresas que sexa un instrumento
informativo de primeira man para negocios e clientes. En
concreto, será un recurso informativo de utilidade no plano dixital,
xa que a guía en cuestión estará dispoñíbel en liña e integrada
nunha aplicación móbil específica sobre o comercio local.
A
Concellaría de Promoción Económica e Comercio está a traballar
arreo para recoller a información “máis fidedigna e actualizada
das entidades comercias/empresarias que existen no municipio”. Esta
listaxe de empresas servirá tanto para que poida ser empregada polos
veciños de Ames, para buscar posíbeis empresas cuxos servizos lles
poidan ser de interese e, tamén, para que a propia Administración
local coñeza empresas que poidan participar en procesos de
licitación de servizos municipais.
O
traballo de recompilación de datos realizarase durante un período
de tres meses.
“Trátase
dun proceso de actualización aberto e continuo no tempo”, explicou
a concelleira de Promoción Económica e Comercio, Ana Belén Paz,
engadindo que “necesitamos dispor dunha listaxe actualizada dos
comercios e empresas que temos en Ames. No noso concello dispoñermos
de múltiples empresas de sectores moi diversos, que poden ser
descoñecidas para parte da veciñanza. Por iso cremos que é
necesario dispor desta Guía de Empresas, que redundará en
beneficio da cidadanía e das propias empresas”.
Os
datos que se precisan son os seguintes: nome comercial, ano no que se
deu de alta a empresa, dirección completa, actividade, código IAE,
contacto, web, redes sociais, palabras clave, premios e
recoñecementos, sector ao que pertence o comercio/empresa, pequena
descrición que queiran achegar da empresa, coordenadas, etc.