O Concello de Ames asina o contrato para acadar unha web máis moderna e funcional

venres, 18 de xaneiro do 2019 Redacción

O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo responsábel da empresa Tecnologías Plexus, Ángel Taboada, asinaron hoxe o contrato para deseñar unha nova web para a Administración local, “máis moderna e funcional”. No acto de sinatura tamén participou a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero. Segundo fixeron saber, a nova páxina “será plenamente funcional en dispositivos móbiles e permitirá o rápido acceso á información, trámites e servizos”. O proxecto adxudicouse por un importe de 29.753 euros.
Amais do devandito obxectivo, o Concello busca con este proxecto “mellorar a información e a comunicación coa veciñanza, permitir o acceso plenamente funcional á web mediante dispositivos móbiles, modernizar o deseño, buscar a accesibilidade universal, facilitar a integración da web coas redes sociais e descentralizar e facilitar o traballo de xestión e administración do sitio”.
Con base en tecnoloxías abertas, o sitio dixital terá unha estrutura orientada aos usuarios, cun deseño inicial que facilite a rápida localización da información e o acceso a trámites e servizos. Así mesmo, engadiu o Concello, ampliaranse as posibilidades de comunicación (avisos mediante notificacións, boletíns informativos, envío de incidencias ao Concello e integración coas redes sociais) e potenciarase os contidos xa existentes de transparencia e de actualidade.
Asemade, porase o foco en favorecer a accesibilidade e o derrube de atrancos: todos os elementos estarán dispostos para facilitar o pleno uso de persoas con dificultades visuais, auditivas, dislexia e as incluídas no espectro do autismo. Ademais, “a súa renovación permitirá un mellor acceso aos diversos trámites e xestións”, explicou o alcalde, engadindo que outra das finalidades é “facilitar o seu emprego tanto ao persoal técnico responsábel do sitio como ao persoal dos diversos departamentos municipais, claves para descentralizalo e ampliar e atender contidos”.

PUBLICIDADE