O Concello de Ames celebrará o 26 de xaneiro a III Xornada de Innovación
martes, 9 de xaneiro do 2024
O
vindeiro
26 de xaneiro celebrarase no Pavillón Polideportivo do Milladoiro a
III Xornada de Innovación do Concello. Con este evento, segundo
explican dende o Consistorio, “búscase achegar a todos os públicos
as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do
termo municipal, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo,
onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que den lugar a
proxectos innovadores”.
Durante
a xornada haberá charlas e mesas de debate sobre a tecnoloxía, a
innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais
dirixidas ao sector profesional pero tamén aos centros escolares de
Ames.
A
concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que
“Ames é referente no mundo da innovación. Dende fai anos estamos
realizando unha aposta decidida e este é un dos piares do noso
concello. Unha innovación que se dá no mundo empresarial pero tamén
no educativo, que acolle o futuro destas grandes empresas que temos
no concello”. Deste xeito, a concelleira anima a todas as empresas
e centros escolares a participar nesta segunda edición dos premios
“para que os veciños e veciñas de Ames coñezan todo o talento
que hai no noso concello”.
Candidatura
aos II Premios InnovAmes
Dende
o pasado día 5 de xaneiro e ata o vindeiro día 15 deste mesmo mes
está aberto o prazo de presentación de candidaturas para os premios
InnovAmes, tanto na categoría de Proxectos Educativos como na de
Empresas Innovadoras. O obxectivo desta convocatoria é poñer en
valor os recursos e a capacidade de innovación locais, dando a
coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Entre ambos
premios repartirase un total de 10.000 euros (4.500 euros entre as
distintas categorías a empresas innovadoras, e 5.500 euros entre as
categorías a proxectos educativos).
II
Premios InnovAmes Empresas Innovadoras
A
finalidade desta convocatoria é recoñecer, apoiar e dar
visibilidade ás persoas emprendedoras e ás empresas máis
innovadoras e con maior potencial de crecemento en Ames; proxectos
con carácter e innovador e de gran impacto social, tanto de recente
creación como xa consolidadas.
As
empresas que desexen participar non poderán ter máis de sete anos
de antigüidade e deberán ter o seu domicilio fiscal e social en
Ames. Ademais, non poden ter sido gañadores na anterior edición dos
premios InnovAmes. Os aspirantes teñen que presentar unha idea de
negocio cun alto compoñente de innovación e creatividade no produto
ou servizo que ofertan. Haberá tres categorías (empresa máis
innovadora, empresa con maior impacto social e empresa de nova
creación con alto potencial de crecemento), cada unha delas dotada
cun premio de 1.500 euros. Os gañadores coñeceranse o 26 de xaneiro
no evento InnovAmes.
II
Premios Innovames Proxectos educativos
O
programa Innovames pretende incluír a comunidade educativa para
favorecer a cultura do emprendemento e a innovación no futuro da
nosa sociedade. Deste xeito, a través deste premio trátase de
ofertar á comunidade educativa local un alicerce para implementar
formación, emprendemento e innovación. Neste caso recoñecerase a
orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor
educativo, entre outros, dos proxectos.
Os
centros que desexen participar deben deseñar un proxecto
audiovisual, artístico, tecnolóxico ou maker, realizado
dentro do ámbito educativo, con temática libre innovadora. Este
proxecto ten que estar recollido nun documento PDF dun máximo de 6
páxinas no que se especifique o nome do centro, o autor/autores do
proxecto, unha explicación do mesmo, material de apoio (vídeos,
fotos, etc.) e tecnoloxías empregadas (se procede). Os proxectos
serán presentados e defendidos por, cando menos, dous membros do
equipo de traballo o 26 de xaneiro no evento Innovames.
Haberá
seis premios: un primeiro premio de 2.000€, un segundo premio de
1.500€, un terceiro premio de 1.000€, un cuarto premio de 350€,
e un quinto e un sexto premio de 325€
cada un.
Poden
participar todos os centros educativos públicos de educación
primaria e secundaria do Concello de Ames.