O Concello de Ames habilita unha ferramenta web para localizar empresas locais de xeito sinxelo

venres, 19 de xuño do 2026 S. P.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, creou a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que ten o obxectivo de ofrecer a empresarios e usuarios amesáns unha base de datos das empresas e do comercio local.
Baixo o slogan Localizar unha empresa en Ames agora é fácil a Administración local achega o comercio local e hostalaría á veciñanza mediante esta plataforma dixital, que, segundo salientaron dende o Goberno local, “permite localizar empresas, comercios e locais de hostalería de maneira sinxela dende a Rede”. A dito aplicativo pódese acceder a través dun dos banners que están na cabeceira da web municipal e no apartado Atención cidadá, información e participación.
Trátase dunha aplicación web que funciona como unha base de datos de todas as empresas que conforman o tecido comercial e hostaleiro de Ames.
A Guía de Empresas dispón de arredor de 1.150 firmas rexistradas. Aínda que o proceso de rexistro rematou, todas aquelas empresas se comecen a súa actividade nas vindeiras semanas ou meses poden comunicalo ao equipo de desenvolvemento do aplicativo a través do enderezo de correo electrónico guiaempresasames@gmail.com ou no número de teléfono 626 98 71 72, en horario de 9.00 a 15.00 horas.
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, destaca que “agora localizar unha empresa en Ames é máis fácil para a veciñanza, para as persoas que visitan Ames, e mesmo para as propias empresas que precisan contratar un determinado servizo. En Ames témolo todo e coa Guía de Empresas temos os establecementos comerciais e hostaleiros e as empresas xeolocalizados nunha única aplicación. O obxectivo é que a veciñanza poida localizar aquel servizo que necesita dunha maneira áxil e sinxela. As empresas que comecen a súa actividade deberán comunicalo para estar incluídas nesta aplicación”.
Como funciona
Este proxecto ten o obxectivo de “conectar á veciñanza co comercio e hostalería local amesán e axudar a localizar os diferentes establecementos de todo o municipio”. A través dun traballo de campo, a Administración local recompilou información dun gran número de empresas amesás, co fin de xeolocalizalas e ofrecer á veciñanza un servizo de accesibilidade ao comercio local.
Deste xeito, e mediante unha aplicación web de localización espacial baseada nas ferramentas ofrecidas por Google Maps, empresas e usuarios poden beneficiarse do seu funcionamento. A dito aplicativo pódese acceder a través dun dos banners que están na cabeceira da web municipal e no apartado Atención cidadá, información e participación.
Segundo salientou o Concello, “o funcionamento da plataforma é sinxelo”. Deste xeito, o aplicativo actúa como unha sorte de mapa interactivo no que os usuarios e usuarias poden visualizar un plano de Ames cos diferentes negocios que conforman o tecido empresarial, o comercio e a hostalería local. Grazas á cartografía e funcionalidades de Google Maps, a ferramenta ten ata dez categorías separadas por cores. Así, a veciñanza pode localizar as diferentes empresas ou comercios que busquen nun momento preciso.
Ditas categorías corresponden aos diferentes eidos empresariais, estando divididas por: Automoción, Comercio, Hostalaría, Sanidade, Servizos, Tecnoloxía, Construción, Educación, Lecer e Profesionais. As empresas están catalogadas segundo o criterio do equipo de desenvolvemento da Guía, porén, se algunha o desexa, pode ser recolocada na que máis se axuste á súa categoría profesional.
O Concello tamén destacou que a Guía de Empresas de Ames é intuitiva e fácil de usar para calquera usuario ou usuaria. Ademais, todos os datos das empresas e negocios utilizados para o desenvolvemento inicial do aplicativo son públicos e foron extraídos de Google.