O Concello de Ames inicia os traballos para situarse na vangarda de servizos TIC

mércores, 14 de febreiro do 2018 Redacción

O Concello de Ames comezou neste mes de febreiro os traballos relativos á optimización dos servizos públicos a través das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC) e a implantación da Administración Electrónica, que é, segundo informa o Goberno local, un dos catro grandes obxectivos incluídos na Estratexia DUSI Impulsa Ames. Segundo engade o Concello, a empresa tecnolóxico-dixital Balidea, con sede en Santiago, será a encargada de desenvolver os ditos traballos.
As tarefas a desenvolver, co-financiadas a través do programa europeo FEDER de Crecemento Sustentábel 2014-2020, consistirán en parte nunha auditoría que avaliará a situación actual do Concello no eido das TIC. Ademais, a devandita empresa ofrecerá asesoramento e apoio técnico, coa formación dunha oficina técnica, para a colaboración na redacción dos pregos necesarios para a contratación dos novos servizos que se consideren mellorábeis.
O Concello de Ames foi seleccionado na segunda convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentábel e Integrado (DUSI), co-financiada polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentábel 2014-2020. O Goberno local sinala que o devandito implica a concesión dunha axuda de 5 millóns de euros, aos que o Concello de Ames sumará 1.250.000 euros. En total entre 2018 e 2022 investirase 6.250.000 euros nas accións estratéxicas do plan Impulsa Ames, que parte dun estudo de necesidades de Bertamiráns e O Milladoiro, dado que son os espazos urbanos o obxectivo da DUSI, aínda que o Executivo local apunta que o conxunto de actuacións beneficiará a todo o termo municipal.
O roteiro fixa catro grandes obxectivos estratéxicos:
· O primeiro para a mellora de acceso aos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración Electrónica.
· O segundo para facer de Ames “un concello integrador, ben comunicado con transporte público e privado”.
· O terceiro é para converter Ames nun concello sustentábel medioambientalmente, accesíbel e con calidade de vida para a veciñanza.
· O cuarto e último busca “ancorar a poboación xuvenil no concello”, brindándolle ferramentas atractivas para o seu lecer e cultura e facilitando o emprego por medio do emprendemento.

PUBLICIDADE