O Concello de Ames lanza a cuarta edición do concurso Galetiktokers

martes, 26 de setembro do 2023 S. P.

A praza de Chavián, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición do concurso Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames. O certame volve co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, incentivar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e dar visibilidade á comunidade galega na rede social TikTok.
A rapazada a partir dos 13 anos poderá participar cos seus vídeos en galego ata o 23 de outubro, solicitando un formulario de inscrición no correo galetiktokers23@gmail.com e devolvéndoo cuberto e asinado xunto coa súa creación audiovisual.
Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala prevista para o 10 novembro de 2023.
O certame vén da man dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames poñen en marcha o certame Galetiktokers. “Trátase”, sinalaron, “dunha oportunidade para que a mocidade estimule a súa creación empregando os novos formatos e poñendo en valor a lingua galega”.
As pezas audiovisuais achegadas, que deberán ser creadas seguindo o estilo da rede social TikTok, optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios.
Á presentación asistiron o alcalde e concelleiro Normalización Lingüística, Blas García; Carmen Porto, concelleira de Xuventude; Rosa Moreiras e Pili Villaverde, técnicas dos departamentos responsables; e María Rúa Rodríguez, que impartirá dúas xornadas de formación sobre TikTok e creadores galegos nos centros de ensino amesáns; así como representantes da empresa Xurdir.
O alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “o obxectivo fundamental é que o noso idioma, a lingua galega, chegue á mocidade, e tamén aproveitar para que ese espírito creador da xente nova que se comparte nas redes sociais, se siga ampliando, tendo a posibilidade de levar algún premio”. O rexedor tamén fixo fincapé en que “as redes, hoxe en día, son unha ferramenta moi importante, nos seus distintos formatos. Eles mesmos deben concienciarse do uso do galego. Moitos/as creadores/as cun número importante de seguidores xa crean en galego, e iso invita e incita a outros mozos e mozas a crear en galego”.
Polo seu lado, a concelleira de Xuventude, Carmen Porto, explicou que “queremos chegar a toda a mocidade e, sobre todo, darlle visibilidade a través das redes sociais ao galego. Dende o Concello animamos á xuventude a participar porque, ademais, contaremos cunha gala na que se lle dará visibilidade a todos os seus vídeos e na que haberá actuación musical”.
A técnicas do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Xuventude, Rosa Moreiras e Pili Villaverde, fixeron un repaso polas bases do concurso e explicaron que o alumnado dos institutos de Ames participará nunha formación para coñecer como traballar de cara a presentarse no concurso. “A tiktokeira Prado Rúa será a encargada de ensinarlles como moverse nas redes, como traballar coa cámara, que tipo de recursos poden empregar... calquera dúbida que poidan ter os mozos e as mozas e que lles dea o empurrón para gravar un vídeo e envialo”, destacou Villaverde.
Moreiras, pola súa banda, resaltou que “ademais de crear, que é o obxectivo fundamental do certame, tamén é moi importante visibilizar e coñecer os nosos creadores. A rapazada poderá explorar todo ese mundo de creación en galego e descubrir todo o que hai por contar”.
María Rúa Rodríguez, @pradorua, que será a presentadora da gala do concurso e a encargada de impartir as charlas nos centros educativos, expuxo que “vou intentar compartir as miñas ferramentas e o meu proceso creativo, e por suposto, animalos a que aproveiten esta oportunidade para facer vídeos e de espallar a nosa lingua”.

PUBLICIDADE