O Concello de Ames reúnese cunha ampla representación do sector tecnolóxico e audiovisual local
xoves, 5 de febreiro do 2026
O espazo colaborativo A Proa acolleu este mércores 4 de febreiro unha xuntanza entre o Goberno municipal de Ames e unha ampla representación do sector tecnolóxico e audiovisual asentado no concello. O obxectivo de dito encontro foi “ter unha primeira toma de contacto para crear un grupo de traballo e poder colaborar e realizar proxectos de forma conxunta”. A previsión é manter unha reunión ao ano para manter contacto entre as distintas empresas e mailo Concello.
A dito encontro acudiron 20 profesionais de ditos sectores que valoraron de forma positiva esta iniciativa. O Concello de Ames pertence á Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Innpulso), que é un proxecto impulsado e co-financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.
Lembrar que o concello de Ames conta cun forte tecido empresarial nos sectores tecnolóxicos e audiovisual, e no parque empresarial do Milladoiro, así como na localidade de Bertamiráns, están asentadas unha ampla variedade de empresas que, segundo lembrou o Executivo local, “son punteiras a nivel nacional e internacional nos seus respectivos sectores, todas elas tendo o nexo común da aposta pola innovación e a tecnoloxía”.
Por parte do Concello de Ames asistiron o alcalde, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a técnica municipal de Innovación, Patricia Yáñez, e os técnicos municipais de Inserción, María Lloves e Pablo Bello. O encontro comezou coa benvida ás persoas asistentes e cunha breve introdución. De seguido, fíxose unha presentación das persoas participantes.
A dito encontro acudiron 20 profesionais de ditos sectores que valoraron de forma positiva esta iniciativa. Participaron representantes das empresas Bahía Software; Catec-Galicia; Nanogap; Biostatech, Advice, Training & Innovation in Biostatistics, SL; DooingIT Ciberseguridad; Unayta Consultora Tecnológica; Iterdata Networks; H2Gz Energizing; Conic Vascular - CAST; Nortigalia NCTEC; Iluminaciones Santiaguesas; Carla Caamaño Conde (tradutora audiovisual freeelance); El creador de nubes; Serea Films, Indígena Films e Imagen más Deporte.
O alcalde, Blas García, explicou “dende o Concello hai tempo que estábamos pensando en facer unha reunión deste tipo na que poder xuntar a un número importante de representantes de empresas relacionadas coa innovación, a tecnoloxía e a comunicación. A nosa intención é poñer temas en común e falar do que podemos facer dende o Concello para traballar de forma conxunta con ditas empresas, pero ao mesmo tempo, para que vos poñades en contacto e vos coñezades entre vós. Deste xeito, o que pretendemos é crear sinerxías e estar en contacto”.
O alcalde tamén puxo en valor que Ames forma parte da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Innpulso), que é un proxecto impulsado e co-financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e mailo traballo que se realiza no espazo colaborativo A Proa, que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, dixo que “Ames é un referente nos sectores tecnolóxico e audiovisual e temos empresas moi importantes nestes dous sectores, polo que queremos poñer en común ideas e proxectos”.
Nesta xuntanza mantívose unha conversa sobre as necesidades que detectan as empresas e o que lles pode ofrecer o Concello como participar no evento Innovames, cesión de espazos municipais, bolsa de emprego de programas de emprego, posibilidade de colaboración, etc. Algúns temas que expuxeron as empresas foi a falta de persoal con alta especialización, o problema do transporte público para chegar ao posto de traballo, e a falta de vivenda no concello de Ames para que o persoal das empresas poida residir preto do seu posto de traballo.
O rexedor municipal dixo que o Concello de Ames ofrece varios programas formativos, en colaboración coa Xunta de Galicia, como son os obradoiros de emprego e mailo programa integrado de emprego, “polo que existe unha bolsa de traballo que podería adecuarse nalgúns casos ás necesidades dalgunha empresa”.
Outros temas que se abordaron foron a necesidade das empresas de ofrecer teletraballo ao seu persoal porque aporta competitividade, “xa que cando queres dispor de persoal con talento hai que dar posibilidades a dito persoal”, salientouse.
Por outra banda, o Concello de Ames está organizando para o venres 20 de febreiro a sexta edición do InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se celebrará no Pavillón Polideportivo do Milladoiro e na que se contará coa participación da secretaria xeral de innovación, Teresa Riesgo Alcaide. A concelleira de Promoción Económica animou ás empresas participantes no encontro deste mércores 4 a acudir e montar o seu propio stand no InnovAmes.
