O Concello de Ames suma unha canle de WhatsApp as súas vías de comunicación
luns, 11 de marzo do 2024
O Concello de Ames sumará ás súas vías de comunicación unha canle de WhatsApp (a partir deste martes 12). Este novo servizo vai permitir que todas as novas relacionadas coa institución, a axenda de ocio do concello ou os avisos relevantes de última hora se transmitan de forma instantánea ao teléfono móbil das persoas que así o desexen, informaron fontes do Goberno local, lembrando que Ames xa ten presenza nas principais redes sociais e conta con diversas canles de comunicación e sistemas de avisos co fin de que a veciñanza coñeza a actividade e a actualidade municipal.
O Concello engadiu que “esta nova canle vai permitir trasladar a información do Concello dunha forma máis eficaz”. Deste xeito de luns a domingo ofrecerase ao completo a axenda prevista, a información de relevancia e os avisos de última hora. Así, ao inicio de cada semana e cando se achegue o sábado e o domingo, ofrecerase unha completa axenda lúdica con propostas variadas e para todos os públicos. “Un calendario de lecer que se completará co acceso á información de cursos e actividades organizadas polo Concello, e o recordatorio dos seus prazos e vías de inscrición”, sinalaron dende o Consistorio.
A nova canle de WhatsApp do Concello de Ames súmase as xa existentes vías de comunicación como son os perfiles oficiais de Facebook, X, e Instagram, que ofrecen todos os detalles de actualidade municipal, información dos servizos que lle poden interesar á cidadanía e as propostas culturais de Ames. As redes sociais do Concello experimentaron un gran crecemento nos últimos anos. Deste xeito, contase con 10.518 seguidores en Facebook; 5.219 followers en Instagram e 2.381 seguidores en X.