O Concello de Baiona organiza cursos de competencias dixitais para a mocidade durante este curso

xoves, 29 de agosto do 2024 S. P.

A Concellería de Mocidade do Concello de Baiona, en colaboración coa Concellería de Tecnoloxías e a Fundación Esplai, organizan varios cursos de competencias dixitais durante este curso escolar para a mocidade local.
Ofértanse catro cursos diferentes que terán lugar no Centro Multiusos Ángel Bedriñana, durante os meses de setembro, outubro e novembro; dous deles versarán sobre competencias básicas destinados á mocidade de 9 a 11 anos e outros dous impartirán competencias avanzadas destinado á mocidade de 12 a 17 anos.
Impartiranse conceptos básicos de ferramentas informáticas, uso seguro e responsable da Internet, programación, robótica educativa, impresión 3D e Realidade Virtual.
A través destas actividades búscase favorecer a adquisición de competencias dixitais e desenvolver habilidades como a creatividade, o pensamento crítico e o traballo en equipo a través de actividades lúdicas e participativas.
As inscricións están abertas na OMIX do Concello de Baiona ata o 13 de setembro e as prazas son limitadas. Máis información na OMIX do Concello de Baiona, ou no teléfono 986385921 ou en xuventude@baiona.gal
Coa posta en marcha destes catro cursos de competencias dixitais, o Concello de Baiona, continúa co seu plan de actividades para a mocidade no novo Espazo Xuvenil de Baiona, situado no Centro Multiusos Ángel Bedriñana.