O Concello de Boiro dixitaliza o seu arquivo documental
mércores, 28 de agosto do 2024
O Concello de Boiro recibiu da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha subvención de 7.000 euros para levar a cabo actuacións en materia de arquivos mediante a que se vai a realizar unha dixitalización de parte do fondo documental municipal, constituído por material producido ou recollido polo Concello ao longo dos anos. Trátase de documentos de titularidade pública e, segundo confirmaron fontes do Consistorio, “estariamos ante un fondo documental moi rico dende o punto de vista patrimonial”.
Con este proxecto pretendese crear un sistema informático de xestión de documentos que permita controlar e recuperar a documentación, así como incrementar a efectividade da xestión institucional ao establecer procedementos claros que permitan o acceso á información necesaria.
“No Concello de Boiro somos conscientes de que os arquivos custodian documentos como testemuño e temos a responsabilidade de mantelos e coidalos de maneira que se manteña o acceso á información”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero, engadindo que con este proxecto vaise traballar na dixitalización de libros de actas de plenos comprendidos entre 1877 e 1983.