O Concello de Boiro recibe unha subvención para a creación dunha Aula Mentor no seu Centro Social

xoves, 23 de xaneiro do 2025 S. P.

O Concello de Boiro recibe da Secretaría General de Formación Profesional, organismo dependente do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, unha subvención para a creación dunha Aula Mentor no Centro Social no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea NextGenerationUE.
O principal obxectivo do Programa Aula Mentor é “mellorar a cualificación das persoas mozas e adultas e promover o desenvolvemento das súas capacidades e competencias empregando entornos de formación baseados nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”, segundo explicou o Concello, que engadiu que “a matriculación nun curso da Aula Mentor proporciona o acceso aos recursos formativos en liña do Catálogo Nacional de Estándares de Competencia e unha titoría personalizada”.
Fontes do Goberno local engadiron tamén que a diferencia do que acontece con outras formacións en liña, a Aula Mentor conta con espazos físicos de referencia para facilitar o acceso, información, orientación e matrícula no propio programa.
Lembrar que no Centro Social de Boiro xa se dispón dun espazo con material necesario para poder poñer a disposición da veciñanza para estas accións formativas.