O Concello de Boqueixón denuncia hackeo de móbiles e pide á veciñanza que non faga pagos solicitados por WhatsApp

xoves, 10 de abril do 2025 S. P.

O Concello de Boqueixón presentou denuncia ante a Garda Civil polo hackeo de dúas das súas liñas de telefonía móbil, a do alcalde e a da directora do CRA Neira Vilas, así como por un presunto delito de suplantación de identidade, toda vez que a persoa ou persoas responsábeis utilizaron eses números para solicitar cartos a veciños e veciñas do municipio, informaron fontes do Consistorio.
Por estas razóns, o Concello lanzou un chamamento á veciñanza para que “faga caso omiso de calquera mensaxe de WhatsApp que lles teña chegado nas últimas 24 horas dende eses dous números de teléfono e, sobre todo, que non fagan efectiva ningún tipo de pago, transferencia nin pago por Bizum”. Neste sentido, lembran que o Concello de Boqueixón non utiliza a plataforma WhatsApp para xestionar o cobro de ningún tipo de servizo.
O Concello de Boqueixón lamenta as molestias que “esta situación poida causar entre a veciñanza” e agarda recuperar o control de ambas liñas ao longo das próximas horas, así como que as investigacións da Garda Civil permitan localizar e deter á persoa ou persoas responsábeis desta situación.