O Concello de Brión aposta pola información e a participación veciñal na súa nova app

martes, 12 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

O Concello de Brión vén de poñer en marcha unha aplicación móbil de balde para mellorar ao máximo a comunicación entre a Administración local e a veciñanza, fomentando a participación, a cidadanía activa e a interacción. Trátase da app Brión Informa, que, como seu nome indica, foi desenvolvida para botar abaixo atrancos comunicativos tirando proveito das tecnoloxías, neste caso concreto as ferramentas móbiles. Segundo puidemos saber, Brión Informa permitirá aos usuarios recibir información municipal de interese e transmitir ao Concello información sobre incidencias, consultas e mesmo propostas. “Unha comunicación rápida e sinxela a través de mensaxes de texto que poden ir complementadas por imaxes e xeolocalización”, engade o Goberno local.
A app pode descargarse totalmente de balde na tenda de aplicacións de Google Play para os usuarios da plataforma Android ou na App Store para os dispositivos con iOS de Apple. Tamén se pode acceder dende a páxina web do Concello de Brión: www.concellodebrion.gal.
A aplicación, explica o Concello, inclúe un menú estruturado en catro categorías diferentes que o usuario poderá configurar e utilizar segundo as súas necesidades. A primeira é a sección que dá nome á aplicación, Brión Informa, e a través de notificacións emerxentes e instantáneas nos seus terminais móbiles, a veciñanza estará informada de todas as actividades que se realicen no municipio (culturais, deportivas e formativas), así como todos os bandos e convocatorias dos distintos departamentos municipais. Por certo que esta información complementarase cunha axenda e unha listaxe telefónica.
A derradeira sección, Comunica, permitirá que sexa o veciño ou veciña quen teña a opción de comunicarse co Concello, enviando consultas, facendo propostas ou mesmo trasladando incidencias xeolocalizadas e con fotografías, o que axilizará “a resposta e pronta solución por parte do Concello de Brión”, informou o equipo local de Goberno, engadindo que coa app tamén se lles abre aos veciños a posibilidade de faceren seguimento do estado das súas comunicacións en tempo real.
Esta nova ferramenta tecnolóxica súmase á outra aplicación municipal de promoción turística xa existente, tamén dispoñible nos devanditos acubillos en liña baixo a denominación "Concello de Brión".

PUBLICIDADE