O Concello de Brión pon en marcha o concurso fotográfico #briónquedanacasa

mércores, 1 de abril do 2020 S. P.

Co obxectivo de facer confraternidade, lecer e creatividade arredor do problema común da pandemia de COVID-19 e o confinamento, o Concello de Brión (A Coruña) vén de convocar o concurso fotográfico #briónquedanacasa, un certame que convida a recoller as imaxes do Brión que os veciños e veciñas vén dende as súas xanelas, balcóns, xardíns ou hortas. O prazo para participar estará aberto ata o 29 de maio e entre todas as persoas que participen sortearanse 3 lotes de libros.
Para tomar parte no concurso, cómpre pendurar unha fotografía no Facebook baixo o cancelo #briónquedanacasa e etiquetar nela ao Concello de Brión (@concellodebrion). Poderanse colgar tantas fotos como se desexe, indicando na descrición das mesmas o lugar onde están sacadas e o autor ou autora da mesma. Non entrarán a concurso as imaxes que inclúan persoas identificábeis, contidos sexistas ou que danen a sensibilidade das persoas.
Así mesmo, na liña de facer máis levadío o confinamento da poboación, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión ofrécese para dar unha sorpresa de parabéns a todos os nenos e nenas do municipio no día do seu aniversario. Así, calquera veciño ou veciña que teña un neno ou nena de aniversario nos vindeiros días pode solicitar este agasallo no Concello de Brión, ben no teléfono 981 88 70 06 ou do mail concello@concellodebrion.org.

PUBLICIDADE