O Concello de Burela ofrece cursos gratuítos para mellorar as competencias dixitais da cidadanía
xoves, 27 de febreiro do 2025
O Concello de Burela abre o prazo de inscrición para dous cursos presenciais gratuítos destinados a mellorar as competencias dixitais da cidadanía. En concreto, estas actividades formativas, que contan con certificación, están deseñadas para “axudar ás persoas a familiarizarse co uso de Internet e as novas tecnoloxías de forma segura e eficiente”.
A formación terá lugar na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional de Burela e estará dividida en dúas modalidades segundo a franxa de idade dos participantes.
O primeiro curso, denominado Trámites Electrónicos, está dirixido a persoas de entre 18 e 60 anos e desenvolverase do 17 ao 21 de marzo en horario de 16:00 a 18:00 horas. Os asistentes poderán adquirir coñecementos sobre Administración Electrónica, banca dixital, videoconferencias e redes sociais, así como explorar os ámbitos de educación, ocio e entretemento en liña. Ademais, abordarase a seguridade en internet, facendo especial fincapé na privacidade, na protección de datos e na seguridade dixital.
O curso tamén inclúe módulos específicos sobre impulso profesional, como a creación dun currículo dixital, a procura de emprego en liña e a realización de trámites laborais.
A segunda formación, Trámites en Internet, está destinada a persoas maiores de 60 anos e celebrarase nas mesmas datas, do 17 ao 21 de marzo, en horario de 18:00 a 20:00 horas. Neste caso, os contidos centraranse na iniciación á Rede, na Administración Electrónica e a banca dixital, na identidade dixital, nas videoconferencias e nas redes sociais, así como en aplicacións relacionadas coa saúde e o ocio. Tamén se abordarán aspectos fundamentais sobre seguridade en Internet, protección de datos e privacidade, e incluirase unha sección sobre benestar dixital e acompañamento no uso da rede.
O prazo de inscrición xa está aberto e as persoas interesadas poderán anotarse na Casa do Concello de Burela en horario de 9:00 a 14:00 horas ou chamando ao teléfono 982 58 60 00.