O Concello de Cambre acumulou medio milleiro de interaccións veciñais por WhatsApp nunha quincena

mércores, 28 de xullo do 2021 S. P.

O Concello de Cambre vén de facer balance da actividade xerada a través da conta municipal de WhatsApp, posta en marcha para “dar continuidade á liña de traballo de participación e de transparencia aberta polo Goberno local”. Segundo fixo saber o alcalde, Óscar García Patiño, recibíronse en medio mes de actividade até 500 interaccións veciñais Da cifra, a maioría de comunicacións correspóndense con incidencias, consultas e preguntas. Para empezar a wasapear, a veciñanza pode engadir o número 644 44 05 85 á súa lista de contactos e escribir “Ola” no chat.
O Concello mostrou a súa confianza en acadar que esta vía se consolide como unha das máis empregadas entre os veciños e veciñas do municipio.
Da cifra total (496 interaccións), 87 correspondéronse coa comunicación de incidencias e outras 72 foron consultas e preguntas. Outra das seccións máis empregadas, ata a data, foi a de Pregúntalle ao alcalde, que acumula 40 comunicacións por parte dos usuarios e usuarias. Pola súa banda, o Concello resolveu xa o 85% das consultas e preguntas, e o 71% das incidencias recibidas están resultas ou en proceso.
Os veciños e veciñas que empregan este servizo teñen ao seu alcance un apartado de consultas e outro de propostas no que poden facer as súas achegas para mellorar o municipio. Así mesmo, dispoñen dunha sección para formular as súas consultas ao alcalde e outra para comunicar incidencias de calquera tipoloxía. Neste último caso, os usuarios e usuarias poden que incluír descrición, imaxe e localización do aviso.
O WhatsApp de Cambre funciona cun chatbot que permite ofrecer respostas automatizadas aos usuarios e usuarias en función das súas eleccións, “facendo que a comunicación sexa máis rápida e fluída”, explicou o Concello.

PUBLICIDADE