O Concello de Cangas premiará os mellores audiovisuais sobre o Entroido local subidos ás redes

venres, 26 de xaneiro do 2024 S. P.

O Concello de Cangas do Morrazo puxo en marcha un concurso de audiovisuais co móbil para celebrar a creatividade neste tempo de Entroido. O certame ten como obxectivo “poñer en valor e dar visibilidade aos distingos entroidos do termo municipal, fomentar a divulgación cultural mediante novas tecnoloxías e promover o uso da lingua galega”. A actividade está dirixida a todos os públicos dende os 14 anos de idade.
O certame divídese en tres categorías e cada unha estará delimitada pola idade das persoas que participen nel: categoría A (de 14 a 19 anos), categoría B (de 20 a 39 anos) e categoría C (de 40 anos en adiante).
A cantidade destinada aos premios será de 900 euros repartidos nas diferentes categorías. Os premios gastaranse nos establecementos do comercio local de Cangas durante o presente ano. As persoas gañadoras serán seleccionadas e dadas a coñecer nunha gala que está prevista para este mes de marzo.
Os vídeos deberán ser integramente en galego (oral, escrito, na música ou nos subtítulos). Deberán estar publicados nos reels de Instagram ou en Tik Tok. A temática pode ser diversa e variada, sempre e cando os audiovisuais que se presente teñen como eixe central os entroidos tradicionais de Cangas. Deberán ter unha duración de entre 20 e 60 segundos. O prazo para presentar propostas remata o 23 de febreiro. As bases podemos consultalas polo miúdo na web municipal.