O Concello de Ferrol e a UDC traballarán pola alfabetización dixital da poboación vulnerábel

martes, 27 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña deron a coñecer detalles do seu traballo conxunto para facer avanzar a capacitación dixital entre a cidadanía, poñendo o foco (achegándolles recursos e coñecementos básicos de informática) en combater a exclusión tecnolóxica entre a comunidade de usuarios e usuarias das entidades sociais.
Segundo informou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, tendo en conta que “a nova situación xerada pola pandemia aumentou o traballo telemático, e tendo en conta tamén as eivas arredor destas habilidades que mostran moitos usuarios das entidades, queremos traballar de forma conxunta para achegar as novas ferramentas aos beneficiarios das asociacións”.
Con este fin artellarase o curso Deseño e impartición de talleres de alfabetización dixital, achegado polo Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos da Facultade de Ciencias do Traballo da UDC.
As entidades interesadas en participar teñen de prazo ata o venres para enviar un correo electrónico a asuntos-sociais@ferrol.es e solicitar formar parte desta iniciativa. Recibirán pílulas formativas sobre o traballo en liña, o procesador de texto e a folla de cálculo.

PUBLICIDADE