O Concello de Frades e a Fundación Amigos de Galicia achegarán as tecnoloxías ás persoas maiores
martes, 25 de xuño do 2024
O Concello de Frades, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia e a Xunta de Galicia, porá en marcha durante o mes de xullo a primeira edición do programa Os nosos maiores, mellor acompañados. Trátase dunha iniciativa gratuíta dirixida ás persoas maiores de Frades para promover un envellecemento activo mediante a súa socialización e dixitalización.
Para conseguilo, Concello e Fundación organizarán catro sesións nas que lles ensinarán a manexar o teléfono móbil e os ordenadores para realizar xestións básicas a través de Internet (pedir citas médicas ou coa Administración, banca electrónica…). Serán un total de 10 horas de formación, repartidas en catro sesións, que terán lugar os venres 5, 12, 19 e 26 de xullo. As clases desenvolveranse no Edificio Multiusos de Cimadevila. A participación é gratuíta, sendo preciso anotarse previamente no Concello ou no 981 695 567.
Os obradoiros contan cun simulador de caixeiro automático bancario e teléfono móbil para que, de forma práctica, as persoas maiores poidan experimentar unha aprendizaxe significativa e interiorizar as actividades propostas; tales como solicitar unha cita médica a través da aplicación móbil do SERGAS, gardar quenda no seu centro de saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou manexar os seus teléfonos móbiles.
“Son uns obradoiros prácticos e sinxelos que teñen como obxectivo final favorecer a independencia dixital das persoas maiores de Frades, para que así poidan levar a cabo as súas tarefas diarias de maneira autónoma”, explicou o Concello.