O Concello de Lalín e R avanzan na migración do sistema informático municipal á nube

venres, 26 de xullo do 2024 S. P.

O Concello de Lalín fixo esta semana un balance do estado no que se atopan os procesos da Administración local para migrar todo o seu sistema informático á nube e blindar a información dixital municipal de cara a posíbeis ataques e incidencias. Segundo fixo saber a concelleira de Novas Tecnoloxías, Raquel Lorenzo, o dito proceso levado a cabo por R atópase “moi avanzado” e, de feito, a previsión é que a finais de agosto estea concluído os traballos estean concluídos, logo dun investimento global duns 600.000 mil euros. Entre outras vantaxes, dixo, aforraranse custos, garantirase un óptimo nivel de seguridade, actualización plena nas licenzas e maior capacidade de almacenamento.
Este proxecto, dixo, “sitúa ao Concello de Lalín como punteiro na aplicación de solucións tecnolóxicas e en ciberseguridade”.
Lorenzo explicou que para levar a cabo o proxecto, a empresa adxudicataria R (MasOrange) despregou unha liña exclusiva de fibra para o Concello de Lalín de 10 Gbps., 16 veces máis rápida da que se dispuña, conseguindo unha latencia inferior a 2 milisegundos entre o centro de procesamento de datos emprazado na Coruña e o Consistorio lalinense. “Desde o pasado 1 de xullo os equipos informáticos municipais xa aloxan neste centro de computación”, precisa. A responsábel municipal remarcou que para levar adiante este innovador proceso traballan coordinadas con R e co departamento de Novas Tecnoloxías municipal un total de 10 empresas de distintos ámbitos da tecnoloxía como Ayesa; Satec; Exxita; Vodafone; Canon; Wurth; Espublico; Berger-Levrault e Ednon.
Lorenzo lembrou que a nova rede corporativa conta con sistemas de protección a ambos lados, isto é, entre o centro de datos e o propio Concello e cunha nova segmentación en función dos equipos, é dicir, se son impresoras, ordenadores, Wi-Fis ou outra clase de dispositivos, ademais dunha liña de respaldo de 1Gbps.
Traballos iniciais
A concelleira remarcou que un dos primeiros traballos realizados neste proxecto de migración á nube foi a implantación do paquete ofimático Office 365, que “permite o traballo colaborativo, axuda ao cumprimento do Esquema Nacional de Seguridade (ENS) e facilita a eliminación das sempre perigosas memorias USB na contorna laboral”. Os traballos realízanse en horario laboral de xeito que resultan practicamente transparentes para o persoal municipal, engadiu, puntualizando “antes da posta en marcha do servizo cloud (na nube), o Concello realizou unha serie de auditorías para coñecer as distintas debilidades do sistema e ademais impartíronse formacións sobre enxeñería social para coñecer as distintas técnicas de manipulación que usan os ciberdelincuentes e como previrse delas”.
A edil agradeceu a colaboración amosada por todo o persoal municipal na implantación deste proxecto que, segundo dixo, “fará de Lalín un referente a nivel tecnolóxico, máxime cando pretendemos certificar ao Concello no ENS a finais deste ano, o que nos converterá no primeiro concello galego en lograr esta acreditación e nun dos primeiros de España de máis de 20.000 habitantes en verificar que o noso sistema cumpre con máximos requisitos de seguridade”.